O Festival SonRías Baixas celebra a súa 15ª edición por todo o alto, con 15 bandas galegas, españolas e internacionais que encherán Bueu de festivaleiros con ganas de troula a primeira fin de semana de agosto. A delirante combinación de ska, punk, reggae, dub e folclore dos bosnios Dubioza Kolectiv, o dub do rei da remestura Mad Professor, a descarga enerxética dos valencianos Zoo, o ska combativo dos Dakidarría, o blues experimental dos Guerrera e o tributo aos Extremoduro dos cacereños Pedrá súmanse aos xa anunciados Todos Tus Muertos, Estopa, Amparanoia, SES, Narco, ao proxecto persoal do cantante de El Puchero del Hortelano, ARCO, nun cartel amplo e diverso que completarán as bandas gañadoras do concurso Sonidos Mans e máis o Dj SonRías. Rock, punk, rumba, rap, reggae, ska, dub, blues, música de raíz… do máis popular ao máis alternativo, do máis consolidado ao máis innovador, o SonRías Baixas celebrará a súa 15ª edición cun menú musical apto para os padais máis exquisitos. As entradas para esta edición do Festival están á venda na web e máis nos puntos de venda físicos por 35,50 € máis gastos.

Dubioza Kolektiv naceu en 2003 en Bosnia Herzegovina. Os seus integrantes querían transmitir coa súa música a complexidade da sociedade bosnia e explicarlle ao resto do mundo que a vida nos Balcáns vai máis aló dos estereotipos que mostraban os medios. Para conseguilo, crearon unha particularísima -e delirante- combinación de ska, punk, reggae, dub e folclore bosnio. Con ela, conseguiron converterse nunha das bandas máis populares da Europa do Leste, líderes na loita social para o cambio desde os escenarios. Chegan ao SonRías Baixas cun novo disco debaixo do brazo, Happy Machine, no que colaboraron vellos amigos do Festival como o grupo catalán La Pegatina. Tal e como predican, se o que buscas son mulleres floreiro e raperos con pose de tíos duros, non o atoparás entre os Dubioza. Pola contra, gozarás cuns músicos extraordinarios que extraen dos sons tradicionais unha perspectiva única, moldeada por unha guerra que cambiou as súas vidas e traballada cun nivel de positividade que sentirás como unha onda de auga fresca.

Produtor e remesturador de cabeceira de artistas de renome mundial, Mad Professor é un dos magos de estudo máis coñecidos da historia. Produciu a artistas da talla de Sly & Robbie (a base rítmica de Bob Marley e da maioría dos artistas de reggae máis coñecidos), Sade, Massive Attack ou o mesmísimo Lee “Scratch” Perry, con quen gravou varios discos. Nado Neil Joseph Stephen Fraser en Güiana, Mad Professor é unha das grandes figuras da segunda xeración do dub. Emigrou a Londres aos 13 anos e alí entrou en contacto coa activa escena da música jamaicana. Pronto crearía o seu propio estudo, Ariwa Sounds, que foi un auténtico sementeiro de artistas de reggae e dub. O seu proxecto máis coñecido é No Protection, brillante reinterpretación dos temas do segundo álbum de Massive Attack, Protection, pero tamén é coñecido polos seus discos como artista, entre os que figuran con letras de ouro as súas míticas series “Dub Me Crazy” e “Black Liberation Dub”.

Desde Nigrán ata Bueu viaxa a big band galega que máis da que falar dentro do novo panorama musical estatal. Unha descarga de festa e compromiso que porá o público do SonRías Baixas a bailar, a pensar e a soñar co seu directo electrizante. Dakidarría logra un son fresco, divertido e desenfadado coa súa particular fusión de ska, reggae e punk-rock e pon a festa ao servizo das loitas sociais de onte, hoxe e mañá: os dereitos da muller, os dereitos lingüísticos, a solidariedade internacional e a guerra contra o pasotismo, o individualismo, o consumismo e a manipulación da prensa. O proxecto naceu no 2003 sobre o escenario do Bar Patos, no Val Miñor, nunha xornada en protesta pola xestión da crise do Prestige chamada Concerto Expansivo. Dende aquela, nunca deixaron de moverse. Ao longo destes anos avanzaron, pasiño a pasiño, levando o seu proxecto a salas e grandes festivais de toda a península ibérica, de parte de Europa e de México. No SonRías están como na casa, son vellos coñecidos do Festival e unha das bandas máis queridas polos nosos festivaleiros. Con eles, vibraremos ata altas horas!

Música electrónica que mestura rap con trombóns e guitarras rockeiras, toques mediterráneos e ritmos festivos. O directo do valencianos Zoo é unha descarga de enerxía non-stop que en menos de tres anos xa puxo a bailar ao público das festas maiores de Valencia, Cataluña, Madrid e Euskadi e de festivais como o ViñaRock, MareaRock, Feslloch, Festivern, Acampada Jove, Telecogresca ou o Shikillo. Os Zoo arrasaron en 2014 con Estiu, un hit que fala das inxustizas na vida dos máis humildes, da xente de barrio, no contexto dunha historia de amor de verán. Poucas veces un grupo chama tantísimo a atención con tan só unha canción e un videoclip… e encima en valenciano! Os de Gandía chegan ao SonRías Baixas co seu segundo álbum, Raval, debaixo do brazo. O feliz reencontro co público galego desta banda que supuxo todo un revulsivo na escena hip hop do Estado fará tremer Bueu o vindeiro mes de agosto.

Guerrera é unha banda galega que parte do blues experimental e a psicodelia dos 70 para aniquilar conceptos como o stoner ou o post-hardcore, alcanzando novas sonoridades cunha marcada personalidade propia. Os riffs incisivos e os ritmos de potencia marcial son a marca da casa, pero a eles súmanse influencias tan variadas como folclore suramericano ou a tradición xudía. Todo iso envolto co atractivo especial dunhas letras en castelán e galego que claman pola destrución do establecido. A banda xirou por todos os recunchos da península, tocando nalgúns dos festivais máis importantes de España e Portugal. Ao SonRías Baixas traen novo disco, un vinilo dobre homónimo que compón a obra máis contundente da banda. “Un afrodisíaco de hercios, unha odisea sonora excitante que atravesa os contornos do rock que alcanzaran cos seus primeiros traballos”, en palabras de Rubén Abad.

Desde o seu debut en 2009, os Pedrá tributo a Extremoduro non pararon de cultivar éxitos, boas críticas e horas sobre os escenarios. Suman xa máis de 30 versións e 300 concertos por toda a xeografía española, nos que sementaron o “rock transgresivo” coa forza, o bo rollo e a boa música que caracteriza a esta banda tributo ao “mellor grupo rock nacional”. Captan as sensacións dos seus ídolos e tentan transmitirllas ao público, póndolle sentimento e dándoo todo sobre o escenario.

Todos os artistas do SonRías Baixas 2017