A singular casa de comidas musical coa que o Festival SonRías Baixas conquistou ao público nas últimas edicións, a Casa SonRías, trasládase á praia da Banda do Río, onde o sábado 5 de agosto ao mediodía quen queira achegarse ata Bueu poderá vivir unha experiencia inolvidable: presenciar como os Poetarras preparan Rodaballo guisado e Anguriñas ao allo con gambón, man a man cos cociñeiros de El Rincón de Cela e Ipeansa catering. Na ambientación musical, Guerrera, Hexany, The Soul Breakers e Wöyza, que substitúe a Mad Professor no cartaz do SonRías Baixas, coa súa particular mestura de hip hop e sonoridades “negras”. A asistencia a estas actividades é gratuíta e os pratos serán despachados en formato tapa.

A intención da organización do SonRías Baixas, apaixonados da música e da cociña, é a de completar o menú variado de propostas musicais que ofrece o festival cunha degustación exclusiva e orixinal dos excelentes produtos de mar da zona da man dos músicos máis senlleiros do panorama galego. Os Poetarras son un colectivo arterrorístico formado por catro mozos que no 2013 decidiron facerse cun cargamento de sketches e de cancións que levan o humor, a música e a retranca por bandeira. Con semellante arsenal levan percorrida a xeografía galega, sementando diversión e festa. O ano pasado actuaron no Casa SonRías e este ano, despois de anunciar a súa disolución como banda musical, volven para poñerse do outro lado dos fogóns neste restaurante efémero, único e orixinal, que abrirá as súas portas o sábado 5 de agosto, ás 12h, no areal urbano de Bueu.

Para desenvolver esta iniciativa, a organización do evento conta co apoio de Pescanova, que lle dá nome ao escenario musical, así como de Vermú Lodeiros, Gadis, Rincón de Cela e Galicia Calidade.

O SonRías é moito máis que un festival. É un fin de semana de lecer cultural e natural nun lugar privilexiado, toda unha experiencia coa marca da casa, que inclúe música, praia, gastronomía, audiovisual. Desde a zona de acampada á beira da praia ata as propostas musicais e gastronómicas, todo se artella para que un público cada vez máis esixente viva uns días inesquecibles.

Curtametraxes musicais, en colaboración co FICBUEU

O SonRías Baixas incorpora tamén, un ano máis, outras disciplinas como o audiovisual, froito dunha colaboración co FICBUEU e a través da cal se poderán visionar seis curtametraxes de temática musical o mesmo sábado pola tarde no Centro Social do Mar de Bueu. A entrada será libre e gratuíta e os títulos son os seguintes:

  • Freddie (Andy Bausch. Luxemburgo, 2016) combina elementos biográficos e expermientais para retratar a dobre vida do excepcional Freddie Mercury
  • Cigarbox blues (Christopher Kaufmann. Alemania, 2017) é a historia de dúas guitarras, tres acordes e o comezo dunha amizade.
  • Estribillo (César Tormo. España, 2016). Ás veces, os fillos non cumpren as expectativas paternas. Outras veces, supéranas.
  • Superpunky, el musical (Pablo Cacheda. España, 2016). Ao longo da vida, a amizade (e os gustos musicais) evolucionan. Ou non.
  • Jarama (Alberto Pla. España, 2017) Boikot produce esta historia sobre a relación entre a música e a memoria histórica.
  • Zarpazo (Nerea Castro. España, 2016) Mar e Xara atópanse nun monte remoto, todo está preparado para dar o salto á clandestinidade.