A marca #RíasBaixasFests aspira a ser un dos proxectos premiados no concurso que convocou o portal de gastronomía e viaxes La Alacena Roja, como motivo do seu cuarto aniversario. O portal gastronómico dará a coñecer as gañadoras e gañadores nun encontro que terá lugar o vindeiro luns, 11 de decembro, no Buque Mar Vigo.

A promoción conxunta dos festivais de verán de Rías Baixas compite na categoría “do viaxar”, con outros tres proxectos de éxito, as Cabañitas do Bosque de Outes, os voos en globo na Ribeira Sacra e os Fins de Semana Gastronómicos do Porto e Norte de Portugal. A elección da proposta gañadora realizarase mediante votación online a través da páxina de La Alacena Roja.

Os 8+1 Festivais Rías Baixas son moito máis que música pois integraron na súa proposta a gastronomía, o turismo e valores como a igualdade e a sustentabilidade. Turismo Rías Baixas apostou por eles agrupando a promoción de todas as citas, que este ano superaron a cifra dos 260.000 visitantes.