Foto: Ricardo Grobas para Faro de Vigo

A música foi a protagonista da Gran Gala Rías Baixas, coa que a Deputación de Pontevedra presentou onte no Auditorio Mar de Vigo a súa aposta para promocionar o destino turístico Rías Baixas en 2017. As guitarras, baixo, batería e voz das Agoraphobia -vellas coñecidas do SonRías Baixas- puxeron o rock&roll a unha festa á que asistiron preto dun milleiro de persoas e na que a presidenta da Deputación, Carmela Silva, proclamou que as Rías Baixas “téñeno todo para ser un destino turístico universal” e subliñou o obxectivo principal da campaña: “Vivimos nun espazo espectacular e queremos que todo o mundo saiba que existe este lugar máxico, lírico e privilexiado”.

Un grupo de break dance puxo o ingrediente de cultura urbana antes do bloque de presentación de festivais. Atlantic Fest, Cultura Quente, Portamérica, Sinsal Son Estrella Galicia, SonRías Baixas, Ou Marisquiño, Revenidas, Vive Nigrán e a Festa da Cidade Europea do Viño en Cambados compoñen a oferta de 8+1 Festivais Rías Baixas este verán, que a Deputación promocionará a fondo como gran aposta cultural. “Dirixímonos a unha xeración que busca vivir experiencias no campo do turismo”, explicou Susana Laya, organizadora do Atlantic Fest en representación dos 8+1 festivais do circuito.