Acabamos de facer público o cartel por días, poñendo á venda unha pequena cantidade de entradas para as persoas que só poidan asistir a unha das noites do festival.

O sábado 5 de agosto encherán o escenario do multiusos da Estacada, en Bueu, a rumba festiva dos Estopa, a delirante combinación de ska, punk, reggae, dub e folclore dos bosnios Dubioza Kolectiv, a descarga enerxética dos valencianos Zoo, o rock con acento flamenco do proxecto persoal do cantante de El Puchero del Hortelano, Arco, e o Dj SonRías.

O venres 4 serán a alegría mestiza de Amparanoia, a forza combativa de Sés, o punk-reggae dos arxentinos Todos Tus Muertos, o rock combativo dos sevillanos Narco e o ska combativo dos Dakidarría os encargados de poñer en pé ao público do que xa é un dos festivais de referencia no verán peninsular.

Completan o ambicioso cartel deste 15º SonRías Baixas o dub do rei da remestura Mad Professor, o blues experimental dos Guerrera e as bandas gañadoras do concurso de maquetas Sonidos Mans, que como sabedes se atopa en proceso de votación pública.

Os bonos que permiten asistir aos tres días de festival están á venda na web e máis nos puntos de venda físicos por 35,50 € máis gastos. Ademais, hoxe poñemos á venda, por 25 euros máis gastos e só na web, unha pequena cantidade de entradas para asistir venres ou sábado. Quen queira asistir á festa de benvida ao festival, o xoves pola noite, co concerto de Pedrá -Tributo a Extremoduro- e a pinchada do Dj SonRías, poderá facelo mercando unha entrada de 10 euros máis gastos.

Rock, punk, rumba, rap, reggae, ska, dub, blues, música de raíz… do máis popular ao máis alternativo, do máis consolidado ao máis innovador, o SonRías Baixas consolidouse como un dos festivais de referencia no verán peninsular coa nosa particular mistura de música, praia e gastronomía nun contorno privilexiado. Unha proposta á que este ano se suma o patrocinio da principal marca de cervexa de Portugal, Super Bock, nunha alianza natural entre un dos festivais con máis personalidade e proxección do Estado e a gran marca da música e dos eventos culturais do país veciño. O Festival SonRías Baixas e Super Bock afrontan esta colaboración coa vontade de tender pontes entre España e Portugal e contribuír así ao crecemento de ambas as dúas marcas nos dous países.