O Atlántico Express unirá por segundo ano consecutivo as cidades de Vigo e Porto para promocionar os 8 + 1 festivais musicais que se desenvolverán este verán en Pontevedra, os #RíasBaixasFests, enchéndose de música e de actividades gastronómicas. O tren celta Vigo-Porto vaise converter, así, nun espazo de cultura, de música, onde ademais de compartir unha paisaxe extraordinaria poremos en valor todo o noso talento.

A cita é na estación de Vigo-Guixar o vindeiro 3 de xuño ás 8:56 horas e o obxectivo, en palabras da presidenta da deputación de Pontevedra, Carmela Silva: “promocionar algo extraordinario, fantástico, rompedor, único e auténtico como son os #RíasBaixasFests”, 8 + 1 citas “que non deberás perder”. Silva asegura que “a industria musical das Rías Baixas é un referente no Estado e a nivel internacional” e por iso afirma que “as voces que nos van acompañar neste tren” (Najla Shami, Mounqup e Basanta-Cromestesia) “son únicas, cunhas letras apaixonantes e que van dar moito que falar”.

A novidade deste ano é que -ademais dos e das promotoras dos festivais e dos alcaldes dalgúns dos concellos onde se celebran- por primeira vez farán a viaxe blogueiras e blogueiros, instagrammers e xornalistas de Porto con milleiros de seguidores. Durmirán en Vigo e farán un percorrido polas Rías Baixas, para que “as redes soamente falen dos nosos Festivais Rías Baixas”, en palabras da presidenta da deputación pontevedresa.

Carmela Silva asegurou que “estamos facendo unha revolución á hora de ser capaces de traballar e planificar en conxunto, é algo que vai permitir que sexamos moito mellores do que xa é cada festival pola súa conta, un soño feito realidade en paisaxes que non se poden cualificar porque a súa beleza é única”. Silva lembrou que estes festivais, os #RíasBaixasFests, teñen lugar “en carballeiras, as nosas árbores senlleiras, en illas, preto da costa, pero tamén no interior” e “contan con grupos consolidados e novos grupos de enorme calidade e talento”.

Na presentación que tivo lugar esta mañá en Vigo, os promotores dos Festivais Rías Baixas (Jordi Lauren de SonRías Baixas e Luis Campos de SinSal) aseguraron que “cada ano damos un paso máis para situarnos como referente cultural”, sinalou Lauren, e asegurou que “esta unión nos permite engadir sinerxías continuamente e que xurdan oportunidades que doutra forma serían imposibles”. Campos, ademais, asegurou que “tamén estamos traballando para crear sinerxía cos festivais do norte de Portugal” e lembrou que “a nosa unión é moi interesante porque permite que teñamos un diálogo e que, malia ser empresas distintas, haxa unha identidade nos proxectos que desenvolvemos”.

Os Festivais Rías Baixas son o Atlantic Fest (A Illa de Arousa), Cultura Quente (Caldas de Reis), PortAmérica (Caldas de Reis), O Marisquiño (Vigo), SinSal SON Estrella Galicia (Illa de San Simón), SonRías Baixas (Bueu), Revenidas (Vilaxoán de Arousa) e Vive Nigrán (Nigrán), ademais dunha “edición especial en Cambados por ser este ano escollida Cidade Europea do Viño”.