O Festival SonRías Baixas anuncia que a súa XV edición encherá de novo Bueu de festivaleiros os días 3, 4 e 5 de agosto de 2017. As primeiras 500 entradas poranse á venda o próximo luns, día 26, na web sonriasbaixas.info, a 18,5 € máis gastos os tres días de concertos, coa acampada incluída, nunha oferta Especial Nadal só dispoñible ata esgotar existencias.

Este pasado verán, 16.500 persoas achegáronse ata a localidade do Morrazo para gozar coa música, a gastronomía e o audiovisual programados polo Festival, na que foi a edición máis exitosa e multitudinaria da súa historia e supuxo para Bueu unha inxección económica de 1.200.000 euros, chegándose ao pleno de ocupación hoteleira en toda a comarca e a bares e restaurantes da zona sen existencias. A maioría dos proveedores do Festival son da comarca e máis de 300 persoas traballan no evento, a maior parte, xente da vila.

A particular mistura de música, praia e gastronomía nun contorno privilexiado é unha das principais marcas de identidade do SonRías Baixas, que xa é toda unha referencia do verán en Galicia e no resto do Estado. Co slogan “de Festivaleiros para Festivaleiros” por bandeira, a organización artella cada ano unha completa programación musical que combina nomes consagrados e novas propostas e ofrécellela aos seus seguidores a uns prezos moi asequibles.