O Festival SonRías Baixas lanza hoxe o vídeo resumo da pasada edición e anuncia que a súa XVI cita encherá de novo Bueu de festivaleiros os días 2, 3 e 4 de agosto de 2018.

O pasado verán, o SonRías Baixas converteu Bueu no epicentro do rock e das músicas do mundo, ao encher a vila de festivaleiros e festivaleiras procedentes de diversos puntos do mapa. Quedou patente que o evento é moito máis que un festival, é toda unha experiencia que unifica unha localización urbana e natural única cunha completa programación musical e cultural que combina a música con disciplinas como a gastronomía ou o audiovisual. Desde a zona de acampada á beira da praia ata as propostas musicais e gastronómicas, todo foi artellado de tal xeito que se creou unha experiencia única para todos os asistentes.

O Festival SonRías Baixas 2017 supuxo para Bueu unha inxección económica de 1.500.000 euros, chegándose ao pleno de ocupación hoteleira en toda a comarca e a bares e restaurantes da zona sen existencias nalgúns casos. Coa finalidade de que a actividade do Festival repercutise o máximo posible na zona, priorízase a busca de profesionais e empresas proveedoras a nivel local. Así, na pasada edición, contratáronse os servizos de 135 proveedores e máis de 400 persoas traballaron durante a celebración do evento, a maior parte, xente da comarca.

A particular mistura de música, praia e gastronomía nun contorno privilexiado é unha das principais marcas de identidade do SonRías Baixas, que xa é toda unha referencia do verán en Galicia e no resto do Estado. A organización artella cada ano unha completa programación musical que combina nomes consagrados e novas propostas e ofrécellela aos seus seguidores a uns prezos moi asequibles. Unha proposta á que o pasado ano se sumou o patrocinio da principal marca de cervexa de Portugal, Super Bock, nunha alianza natural entre un dos festivais con máis personalidade e proxección do Estado e a gran marca da música e dos eventos culturais do país veciño que se manterá tamén na edición de 2018.