Todos Tus Muertos foi, desde o seu nacemento a mediados dos 80, todo un referente do rock latinoamericano. Tres dos seus membros máis emblemáticos -o cuarto faleceu en 2011- reúnense por primeira vez en España 16 anos despois da súa separación para ofrecer a primeira fin de semana de agosto, en Bueu, un concerto imprescindible que fará cantar, saltar e poguear ao público do SonRías na que será a única oportunidade en Galicia de gozar co reencontro dunha das bandas máis icónicas da música latinoamericana. Damos continuidade, así, á presenza de grandes bandas da outra beira do Atlántico no Festival.

Os arxentinos súmanse, xunto co metal, o rock e o rap da mítica banda sevillana Narco -referencia imprescindible no rock español- e máis co proxecto persoal do carismático cantante e compositor de El Puchero del Hortelano, ARCO, ao cartel da XV edición do Festival SonRías Baixas, do que xa anunciaramos a Amparanoia e SES. Dende hoxe e por un tempo limitado, as entradas están á venda cun prezo especial de 27,50 € máis gastos os tres días de concertos, acampada incluída. Axiña se confirmarán o resto dos artistas.

O que naceu como unha banda mestiza que conxugaba os gustos musicais dos seus integrantes acabou marcando unha época no rock Latinoamericano. Todos tus muertos distanciáronse no 2000, na cúspide do seu éxito, porque cada un dos seus membros quería explorar o seu propio camiño. Volven agora, cun directo que non escatima ningún dos seus temas clásicos. No SonRías Baixas ofrecerán un concerto absolutamente inclemente, marcado por unha audaz mestura na que teñen cabida o punk, o rap, o metal e ata o hardcore, pero tamén melodiosos fragmentos de rancheiras populares e un particularísimo rock rebelde, preñado de letras insurrectas, no que resoan os ecos de amigos da banda como Manu Chao ou Fermín Muguruza.

Narco forxa un estilo inconfundible no que conviven o metal, o rock e o rap. Os sons duros, combativos e agresivos da banda únense aos violentos cambios vocais de Distorsión Morais e Viquingo M.D. nun enerxético directo repleto de temas rotundos, envelenados de ironía e crueza. A banda naceu en Sevilla en 1997 e a comezos do milenio foi considerada “o grupo español máis orixinal dos últimos tempos” pola revista Rocksound. Despois de alcanzar un éxito rotundo nos seus primeiros anos de vida, en 2003 decidiron tomarse un descanso, pero non tardaron en sentir a chamada dos escenarios, que xa non volveron a abandonar. Desde 2008 énchenos cos seus elaborados riffs, o seu impactante estética e cunha gran variedade de influencias musicais.

O carismático cantante, guitarrista e compositor de El Puchero del Hortelano, Antonio Arco, conquistará o escenario do SonRías Baixas co seu proxecto persoal, ARCO, no que os fans da mítica banda recoñecerán a súa característica voz rota e a instrumentación clásica de banda de rock, matizada por unhas coidadas letras que destacan pola súa emotividade e intensidade. Unha proposta persoal, a medio camiño entre a tradición de Sabina e os Extremoduro máis pausados, que entronca con esa xeración de músicos urbanos que percorren con soltura os camiños que unen o rock de acento flamenco e o pop de aspiración masiva.