A Casa de Galicia en Lisboa foi o escenario escollido para a proxección dos RiasbaixasFest en Lisboa nun acto que a Presidenta da Deputación, Carmela Silva, aproveitou para animar aos veciños lusos a achegarse ás Rías Baixas, porque “quen nos visita pode pasar todo o verán de festival en festival: desde o 30 de xuño ata o 9 de setembro temos cita practicamente todas as semanas. Cada festival é único e ten o seu estilo propio, pero todos eles celebran actividades para todos os públicos”.

A provincia será escenario de citas xa consolidadas como o Atlantic Fest, Cultura Quente, PortAmérica, Sinsal Son Estrella Galicia, SonRías Baixas e O Marisquiño, así como as dúas grandes novidades deste ano, Vive Nigrán e Festival Cidade Europea do Viño, en Cambados. Neste sentido, Carlos Domínguez, representante de O Marisquiño, incidiu en que estes certames exportan a cultura de Galicia ao mundo e destacou que é “unha sorte formar parte dun proxecto como este que recolle o que chamamos a lifestyle da xente nova e que pretendemos que se converta nun referente turístico a nivel internacional”.

Así mesmo, neste evento púxose de manifesto a proximidade da provincia pontevedresa e Lisboa, grazas á liña aérea da compañía portuguesa TAP que enlaza ambos os territorios en só 50 minutos.