O Festival SonRías Baixas quenta motores para a celebración da súa 15ª edición por todo o grande, con 15 bandas galegas, españolas e internacionais que encherán Bueu de festivaleiros con ganas de festa a primeira fin de semana de agosto ao ritmo do mellor rock, punk, rumba, rap, reggae, ska, dub, blues e música de raíz. Así o afirmaron esta mañá na presentación oficial do festival Félix Juncal Novas -alcalde do Concello de Bueu-, Santos Héctor -deputado de Turismo da Deputación de Pontevedra-, Jacobo Sutil -director da Agadic-, Salvador Vázquez -director comercial e de márketing de Rei Zentolo- e Bruno Lopes -Brand Manager de Unicer Superbock para Europa e EE.UU-, na presentación oficial do Festival.

Jacobo Sutil quixo poñer en valor os festivais de música como sector estratéxico, porque “permiten que as bandas galegas ofrezan a súa música, que o público galego e de fóra goce coas mellores propostas creativas e que se desenvolvan tanto a nosa sociedade e a nosa cultura como a nosa economía”, idea coa que concordou Santos Héctor ao apuntar que “os nosos festivais son un reclamo para os nosos visitantes e un exemplo de excelencia”.

Rock, punk, rumba, rap, reggae, ska, dub, blues, música de raíz… do máis popular ao máis alternativo, do máis consolidado ao máis innovador, o SonRías consolidouse como un dos festivais de referencia no verán peninsular cunha particular mestura de música, praia e gastronomía nun entorno prixilexiado. Así o afirmou Félix Juncal -alcalde de Bueu- ao definilo como o “inicio do momento álxido do verán cultural, musical e lúdico na zona”, e como “unha proposta de turismo sostible e de calidade”.

Nesta edición, ademais, continúa a alianza establecida entre o evento e Rei Zentolo para deseñar a imaxe do festival, que ao igual que o SonRías Baixas tamén celebra o seu 15º aniversario. Salvador Vázquez -director comercial e de márketing da marca- gabou tamén este modelo de proposta turística que inclúe o festival na súa Experiencia SonRías, sumando praia, música, bo ambiente e variadas actividades. Unha experiencia e proposta á que este ano se suma o patrocinio da principal marca de cervexa de Portugal, Super Bock, nunha alianza natural entre un dos festivais con máis personalidade de proxección do Estado e a gran marca da música e dos eventos culturais do país veciño. Bruno Lopes -brand manager de Super Bock para Europa e EEUU- expuso que “é natural para Super Bock participar neste evento porque levamos noventa anos traballando coa música alternativa e a nosa estratexia para Galicia e para España é a de estar sempre preto da música”.

Jordi Lauren, pola súa banda, quixo aproveitar a ocasión para destacar a aposta pola innovación desta edición coa implantando a tecnoloxía cassless. O SonRías Baixas convértese en pioneiro en Galicia ao utilizar este sistema para permitir o acceso ao recinto e para pagar en todos os puntos de comida, bebida e merchandising, ofrecendo a o público asistente a posibilidade de deixar o diñeiro en efectivo e as tarxetas bancarias na casa. Promotores e axentes da industria musical acudirán a Bueu -convidados polo festival e por Ticketea- para ter a súa primeira experiencia con esta innovadora tecnoloxía.

Lauren fixo públicos, tamén, os horarios do festival, que arrincará o vindeiro xoves, día 3 de agosto, ás 22h, no Recinto da Estacada da actuación de Pedrá. Tributo a Extremoduro e unha sesión do Dj SonRías que recordará os grandes clásicos da historia do festival.

O venres 4 abrirá o Escenario Super Bock a forza combativa de Sés, ás 20h. Despois, ás 21h30, chegará a alegría mestiza de Amparanoia; ás 23h30, o punk-reggae dos arxentinos Todos Tus Muertos; á 1h o rock combativo dos sevillanos Narco; e pechará a festa por todo o alto o ska combativo dos Dakidarría a iso das 2h30 da madrugada. Nese mesmo escenario, o sábado 5 a actividade arrincará ás 20h15 co rock con acento flamenco do proxecto persoal do cantante de El Puchero del Hortelano, Arco; tralo que chegará un dos platos fortes do festival, contra as 21h45, a rumba festiva dos Estopa; e, de seguido, ás 23h45, a delirante combinación de ska, punk, reggae, dub e folclore dos bosnios Dubioza Kolectiv; pecharán esta edición do SonRías a descarga enerxética dos valencianos Zoo, á 1h45 e unha nova sesión do Dj SonRías, a partir das 3h30.

Os bonos que permiten asistir aos tres días de festival están á venda na web e nos puntos de venda físicos por 35,50 euros más gastos. Tamén é posible adquirir, por 25 euros máis gastos, unha entrada de día para asistir o venres ou o sábado. Quen queira ir á festa de benvida do festival, o xoves pola noite, co concerto de Pedrá -Tributo a Extremoduro- e a pinchada do Dj SonRías, poderá facelo mercando unha entrada de 10 euros máis gastos.

Experiencia SonRías: música, gastronomía e audiovisual
Pero o SonRías é moito máis que un festival. É un fin de semana de lecer cultural e natural nun lugar privilexiado, toda unha experiencia coa marca da casa, que inclúe música, praia, gastronomía, audiovisual. Desde a zona de acampada á beira da praia ata as propostas musicais e gastronómicas, todo se artella para que un público cada vez máis esixente viva uns días inesquecibles.

Por iso, o sábado 5 de agosto volve a Bueu a Casa RonRías, a singular casa de comidas musical coa que o Festival SonRías Baixas conquistou ao público nas últimas edicións, que nesta ocasión se traslada á praia da Banda do Río, onde quen queira achegarse ata Bueu poderá vivir unha experiencia inolvidable: presenciar como os Poetarras preparan Rodaballo guisado e Anguriñas ao allo con gambón, man a man cos cociñeiros de El Rincón de Cela e Ipeansa catering. Na ambientación musical, abrirán a programación deste segundo escenario, o Pescanova, a combinación de Swing, Funk, Soul, Rhythm&Blues e Rock de The Soul Breakers ao mediodía, tralo que chegarán a particular mestura de hip hop e sonoridades “negras” de Wöyza, o rock alternativo de Hexany e o blues experimental e a psicodelia rockera de Guerrera . A asistencia a estas actividades é gratuíta e os pratos serán despachados en formato tapa.

Ás 17h30, a actividade trasládase ao Centro Social do Mar de Bueu, onde se proxectarán seis curtametraxes de temática musical, froito dunha colaboración entre o SonRías Baixas e o FICBUEU. A entrada será libre e gratuíta e os títulos son os seguintes: Freddie (Andy Bausch. Luxemburgo, 2016) combina elementos biográficos e expermientais para retratar a dobre vida do excepcional Freddie Mercury; Cigarbox blues (Christopher Kaufmann. Alemania, 2017) é a historia de dúas guitarras, tres acordes e o comezo dunha amizade; Estribillo (César Tormo. España, 2016): Ás veces, os fillos non cumpren as expectativas paternas. Outras veces, supéranas; Superpunky, el musical (Pablo Cacheda. España, 2016): Ao longo da vida, a amizade (e os gustos musicais) evolucionan. Ou non; Jarama (Alberto Pla. España, 2017): Boikot produce esta historia sobre a relación entre a música e a memoria histórica; e Zarpazo (Nerea Castro. España, 2016): Mar e Xara atópanse nun monte remoto, todo está preparado para dar o salto á clandestinidade.