Música combinada con gastronomía e algunhas das máis fermosas paisaxes de Galicia é a proposta de #RiasBaixasFests, un ambicioso proxecto que nacía o pasado ano coa intención de xuntar os grandes eventos musicais das Rías Baixas para promocionar a zona como destino turístico cultural.

A iniciativa, amparada pola Deputación de Pontevedra, cumpre o seu primeiro ano de vida cun ambicioso percorrido que comezará o 30 de xuño na Illa de Arousa co Atlantic Fest, que se prolongará ata o 2 de xullo. Tomará o relevo Cultura Quente en Caldas de Reis os días 7 e 8 de xullo, mes que se despedirá co Sinsal Son Estrela Galicia na Illa de San Simón, do 21 ao 23 de xullo.

A seguinte cita seremos nós, o SonRías Baixas 2017, que, como sabedes, se celebrará do 3 ao 5 de agosto en Bueu e contará con artistas e grupos como Estopa, Amparanoia, Dubioza Kolektiv, Sés, Guerreira, Arco, Zoo, Mad Professor, Narco ou Todos tus mortos.

Seguirannos O Marisquiño, en Vigo, do 11 ao 13 de agosto; Revenidas, en Vilaxoán (Vilagarcía de Arousa), do 18 ao 20; e Vive Nigrán, os días 26 e 27 de agosto. Finalmente, Cambados será escenario do Festival Cidade Europea do Viño, unha gala que se celebrará o 9 de setembro e coa que se despedirá un intenso verán de actividades musicais. Estas dúas últimas citas son as novidades do cartel.