A Xunta pon en marcha a marca FEST Galicia como nova vía de apoio aos festivais de verán que busca promocionar o territorio galego como destino musical baixo criterios de calidade, sustentabilidade e responsabilidade social. Esta iniciativa bota a andar con 10 festivais de verán, entre os que se encontra o SonRías Baixas, que funcionan de xeito profesional e que se preocupan por achegar valores engadidos á experiencia musical tanto na súa oferta de actividades como na súa xestión e organización.

Deste xeito o expuxo hoxe o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, na presentación desta estratexia, que a Consellería impulsa a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), en estreita colaboración con outros departamentos da Administración autonómica e co propio sector musical. Xunto con el, participaron neste acto –celebrado no Parque do Lago da Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela– a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e representantes dos eventos implicados nesta primeira fase de lanzamento: PortAmérica, Resurrection Fest, Atlantic Fest, Vive Nigrán, Sinsal SON Estrella Galicia, 17º Ribeira Sacra, SonRías Baixas, Revenidas, Festival de la Luz e WOS Festival. O acto contou tamén coa actuación de MJ Pérez, unha das novas voces da música galega.

Tedes máis información sobre FEST Galicia nesta nova.