Boikot

A nova formación duns auténticos clásicos

Non é fácil levar máis de 30 anos de carreira e seguir renovándose, pero Boikot conségueno. Se do rock urbano e o punk dos seus inicios pasaron a unha fórmula propia que inclúe tamén o ska, os sons latinos ou o espírito da festa balcánica, a súa nova proposta vai aumentar aínda máis a enerxía dos seus concertos: co single “Lloraré” acaban de incorporarse á banda Julio Maloa (cantante de La Raíz), o trompetista Albert Benavent (que pasou por Obrint Pas ou Aspencat) e Jano ao oboe e teclado, ampliando as posibilidades dunha banda que é, por dereito, historia viva do rock en España.

Un aquelarre festivo

Nos últimos tempos, Boikot veñen compartindo o seu novo material a través de videosingles como a citada “Lloraré”, “Jarama” ou “Hablarán las calles”, cancións nas que apuntan a súa tremenda versatilidade: o mesmo se achegan ao folk que introducen elementos rapeados ou mestizaxe. Cales son as constantes nun repertorio tan variado? O espírito punk reivindicativo e a enerxía festiva, que fai que os seus concertos sexan sempre unha experiencia memorable, aquelarres nos que hai espazo para corear retrousos épicos e bailar ata que o corpo aguante.

O eclecticismo de Boikot déixase ver na lista de influencias que citan, dende o punk de NOFX ou The Clash ao folk rock de Goran Bregovic ou The Pogues, sen esquecerse de figuras esenciais do Estado como La Polla Records, Leño ou Kortatu, ás que logo de quince discos e xiras por Europa e Latinoamérica poden mirar de ti a ti. Ademais, esta traxectoria levounos a colaborar con xente como Los Chikos del Maíz, Zoo, Amparanoia, Reincidentes ou SKA-P, noutra mostra da súa falta de prexuízos.

E por se todo isto fose pouco, ademais de facernos bailar, Boikot nunca esquecen facernos reflexionar, aprender e manternos alerta, erguendo a voz contra a violencia de xénero ou a censura e implicándose en causas como a recuperación da memoria histórica.

Se nunca os viches en directo, chegas nun momento fantástico para descubrilos. E se xa eras fan, non quererás perderte a súa nova proposta no SonRías.

Formación

Alberto Pla: Voz e guitarra
“Kosta” Vázquez: Voz e guitarra
Juan C. “Grass” Zapata: Batería
“Juankar” Cabano: Voz e baixo
Julio Maloa: Voz
Albert Benavent: Trompeta
Xabi Arakama: Trikitixa
Jano: Oboe e teclado

Discografía
2014. Boikotea!!!
2012. Lágrimas de rabia
2008. Amaneció
2004. Tus problemas crecen
2002. De espaldas al mundo
2000. Historias directas de Boikot
1999. La Ruta del Che – No callar
1998. La Ruta del Che – No escuchar
1997. La Ruta del Che – No mirar
1996. Tu condena
1995. Cría cuervos
1992. Con perdón de los payasos
1990. Los ojos de la calle

Boikot na prensa

Entre acordes

Logo de tres décadas de carreira, Boikot segue evolucionando e renovándose sen perder a súa esencia festiva e reivindicativa.