Dubioza Kolektiv

Unha fusión balcánica

Todas as bandas están marcadas dalgún xeito polo lugar do que veñen. Dubioza Kolektiv veñen de Bosnia-Herzegovina e no seu caso a historia do seu pobo déixase escoitar na súa música. Sobreviviron ás guerras dos Balcáns, entre as balas e o medo, compoñendo no seu refuxio subterráneo as letras que acabarían interpretando polo mundo adiante, e que agora poderemos escoitar e bailar no SonRías Baixas.

Unha combinación delirante de hip hop, reggae, dub, rock e folclore bosnio

As formas musicais tradicionais de Bosnia son o eixo fundamental do son de Dubioza Kolektiv, onde se mesturan con estilos doutras procedencias: nas súas cancións hai tamén reggae, hip hop, dub ou rock. O que non hai, e eles déixano ben claro, é postureo egocéntrico, mulleres floreiro nin moda á última. O seu espírito é máis ben unha explosión de positividade propia da súa experiencia vital, combinando a seriedade do seu activismo contra “a extrema dereita, a xenofobia e o fascismo” cunha sorte de retranca bosnia. E por suposto, con eles tamén se pode montar un pogo.

Os seus directos son coñecidos pola maneira na que son quen de interactuar co público, ademais de polas súas particulares coreografías e a súa indumentaria, case sempre combinando o amarelo e o negro. Entre os escenarios que os acolleron están festivais tan importantes como o de Glastonbury ou o South by Southwest de Texas… e, tamén, o SonRías de 2017!

Colaboraron ademais con xente como La Pegatina ou Manu Chao, cos que teñen en común unha visión comprometida do mundo e a capacidade de armar unha boa verbena.

Dubioza Kolektiv destacan tamén pola súa defensa dun espírito punk ligado á autoxestión e ao “faino ti mesmo”: escriben, gravan e producen a súa música, deseñan as portadas e a web, levan as súas propias redes sociais e producen boa parte dos seus vídeos. Ademais, fan sempre accesible a súa música en descarga gratuíta a través da súa web e de The Pirate Bay. Non tes escusa para non botarlles unha escoita!

Formación

Adiz Zvekić – Voz
Almir Hasanbegović – Voz
Brano Jakubović – Teclados e samples
Vedran Mujagić – Baixo
Jemej Šavel – Guitarra
Senad Šuta – Batería
Mario Ševarac – Saxo

Discografía

  1. Pjesmice za djecu i odrasle
  2. Happy Machine
  3. Happy Machine. EP
  4. Apsurdistan
  5. Wild Wild East
  6. 5 do 12
  7. Firma Ilegal
  8. Unpopular Singles
  9. Dubnamite
  10. Open Wide. EP
  11. Dubioza kolektiv


“De todo o malo que nos pasou na vida podemos sacar grandes leccións e iso é o que queremos transmitir coa nosa música aos mozos que ás veces cren non ter esperanza”