Iseo & Dodosound

With the Mousehunters

Dentro do gran momento que viven agora mesmo as músicas de influencia xamaicana, Iseo & Dodosound son un dos nomes máis destacados. Non falta no seu son a potencia dos baixos e os ritmos do dub, pero esa influencia fusiónase con elementos de trip hop ou r&b. Coa impresionante voz de Iseo e o engadido en directo da calidez dos ventos de The Mousehunters, a súa proposta consegue romper fronteiras xeográficas e estilísticas, arrasando igual no Viñarock que no Sonorama ou o Rototom Sunsplash. Eles mesmos o din: fan “música para a xente”.

Un proxecto que rompe os tópicos

A capacidade de Iseo & Dodosound para conquistar públicos tan diversos é unha boa mostra da súa capacidade para romper os tópicos. Un dos elementos que sorprende é como mesturan o son dixital de Dodosound e os instrumentos de vento, pero tamén o xeito no que un grupo tan enérxico é capaz de recrear emocións como a melancolía nos seus temas.

A orixe do grupo está en 2013, cando Dodosound, que viña do hip hop, e Iseo, que tocaba cunha guitarra e un looper, quedaron para intercambiar as súas maquetas. Pouco despois estaban xa facendo cancións xuntos e combinando os seus estilos, ata autoeditar o disco Cat Platoon. Ese álbum comezou a darlles a notoriedade da que disfrutan agora, tendo publicado xa Roots in The Air e tocado máis de 160 concertos en menos de dous anos, conectando co público de Brasil, Perú, India, Italia ou Francia.

A proxección internacional deste dúo de Pamplona non para de medrar, igual que a inspiración de composicións que seguen facendo desaparecer as fronteiras do dub ou o reggae.

Formación

Iseo – voz
Dodosound – produción
Jon Zufiaurre – saxo tenor
Albeto Sanzol – trompeta
Iñigo Xalbador – saxo barítono
Ana Aznarez – frauta traveseira

Discografía
2017. Roots in The Air
2015. Cat Platoon

“Gústanos a economía de medios. Non temos a necesidade de encher o escenario de instrumentos. Non por non ter batería, baixo, guitarra e teclados non enchemos o escenario”