Nao

Ata que o lume se apague

Neste 2019, NAO despídense dos escenarios coa que chaman A derradeira xira. Hai uns meses publicaron o álbum Ata que o lume se apague, que pecha a súa triloxía final Apocalipse NAO e que apunta o que poderemos atopar nestas últimas oportunidades para velos en acción: a rotundidade do punk e o metal ao servizo dunhas letras que buscan axitar e crear conciencias. O mesmo que levan facendo dende hai xa trece anos.

Un novo espectáculo para marchar por todo o alto

NAO visitarán o SonRías dentro do Apocalipse NAO Tour, no que preparan un novo espectáculo con nova escenografía e colaboracións no que repasarán toda a súa discografía. Sete álbumes que os asentaron como un referente ideolóxico e musical no rock galego, como proba o público que corea as súas letras nos seus directos.

En Ata que o lume se apague, o disco que serve de peche ao traballo da banda da Estrada, engadíronse ademais máis matices ao seu son, introducindo aportacións especiais dende o ámbito do rap (Sondarúa), o pop (Eladio Santos) e mesmo o folk (Tanxugueiras) ou a música de verbena (con Oscar López e Santiago Colmenero, da Charanga Fuego). A maiores, nesta derradeira etapa do grupo seguimos a disfrutar dunha lírica especial, que conxuga o íntimo e o combativo e chama a atención sobre problemáticas como o rexurdir do franquismo ou a violencia machista.

Hai que aproveitar as oportunidades que se presentan, e a desta despedida é unha a non deixar pasar. Unha ocasión para celebrar a obra de NAO, que evolucionou co seu público. Logo non vale lamentarse!

Formación

Pablo Carracedo “Jasper” – Guitarra e voz
Gustavo Brea “Gus” – Guitarra
Antón Fernández “Torroncho” – Baixo
X. Ramón Iglesias “Amós” – Batería

Discografía

2018. Ata que o lume se apague
2016. Soñar
2016. Crear
2014. Cartas no caderno. EP
2013. Cancións de amor e liberdade
2009. Coas túas mans
2007. As palabras espidas
2006. Somos NAO
2006. Usa a palabra

NAO non se disolve. NAO deixa de tocar, pero o que construímos con NAO non imos desfacelo nunca. É unha amizade, o vínculo coa xente… NAO vai seguir vivo no recordo