Poetarras

Un colectivo “arterrorístico” especialista en crear cancións pegadizas e irreverentes

Poetarras é un colectivo arterrorístico que naceu en 2013 logo dunha noite de esmorga a base de licor café e Galicolas. Catro mozos decidiron converterse no referente da loita armada do pobo galego, aínda que tiveran que renunciar ao traballo e á parella que non tiñan. As súas armas son os sketches e as cancións, o humor e a música, a retranca e as melodías e o seu obxectivo, ofender a alguén nalgún lugar por algún motivo… ou non. Catro anos despois, no 2017, anunciaron un parón provisional na súa actividade musical e audiovisual. Pero non puideron negarse a facer un parón no seu parón para vir tocar ao SonRías Baixas, porque a Casa SonRías -na que xa actuaron, tamén, como cociñeiros- é a súa casa.

Un parón no parón, para tocar no SonRías Baixas 2019

En realidade o obxectivo dos Poetarras é facer o que lles peta sen preocuparse das molestias que causen polo camiño (porque SEMPRE hai alguén molesto co que fan) e que o único filtro do seu traballo é o do que consideran gracioso. No fondo son moi riquiños e non buscan pelexa… pero se hai que dar un par de hostias, danse. A eles xa llelas teñen ofrecido.

Formación

Manuel Gago: voz, teclado, acordeón, maracas, frauta melódica
Pablo Lamosa: guitarra
Rubén Lino: voz, guitarra e caixón
Daniel Vilaverde: voz