SES

Unha voz propia

Se hai algún fenómeno na música galega actual, é SES. Dende o seu primeiro disco en 2011, María Xosé Silvar leva facendo oír a súa voz a cada vez máis xente, en todos os sentidos: compoñendo e interpretando cancións que van do rock á música latina e expresando co seu carisma e honestidade unha visión propia e inconformista do mundo. SES di o que pensa e fai a música que lle peta, sen atender a prexuízos estilísticos ou políticos.

Eclecticismo e compromiso

E que tipo de música é esa? Unha mestura ecléctica ben xenuína, na que hai espazo para o rock and roll de raíz blues, pero tamén para a tradición oral galega, a actitude punk e a influencia da música latinoamericana. Precisamente este mes de marzo SES publicou Rabia ao silencio, unha escolma de cancións populares, folclóricas ou de autor, nas que adapta ao galego a figuras que destacaron polo seu compromiso político e humano, como Carlos Puebla, Mercedes Sosa, Víctor Jara ou Zeca Afonso.

Ese compromiso déixase ver tamén no discurso de María Xosé Silvar, que nas cancións e nas entrevistas ergue a voz contra a homofobia, o autoodio, o machismo ou as discriminacións, defendendo a diversidade e a solidariedade con claridade. Con esas señas de identidade segue enganchando a un público cada vez máis diverso, que a levou a vender máis de 7.000 copias de Opoñerse á extinción e esgotar as entradas en todos os auditorios galegos.

Mesturando esa sinceridade de cantautora co sentir popular do folclore e as músicas de raíz, SES é desas artistas que provocan en quen a escoita unha sensación de intimidade, de cantar de ti a ti. Unha figura clave e máis que necesaria na música galega.

Formación

María Xosé Silvar “SÉS” – Guitarra, percusións e voz
Sabela Galbán – Acordeón, frauta, gaita, percusións e voz
Tito Calviño – Guitarra
Fernando Fraga – Baixo
Diego Puga – Batería

Discografía
2019. Rabia ao silencio
2017. Readmirando a condición
2016. Opoñerse á extinción
2015. Tronzar os valos
2013. Co xenio destrozado
2011. Admirando a condición

“Eu, cando subo a un escenario, non interpreto un personaxe. Eu son así”