Toteking

O rei está de volta

O hip hop en España non pode entenderse sen Toteking. Dende os seus inicios hai dúas décadas no mítico grupo La Alta Escuela, o MC sevillano converteuse nunha das figuras esenciais da escena xuntando todo o que hai que pedir a un gran rapeiro: un flow impresionante, unhas letras brillantes e auténticas e un gusto exquisito para as bases. O resultado? Unha música con ritmo e potencia que nos fai ver a realidade doutra maneira, con rimas honestas e (auto)críticas sempre pegadas á actualidade.

Clásico e vangardista

Toteking titulou o seu último disco Lebron, e o paralelismo con Lebron James é evidente: son dúas lendas que seguen en activo e reinando no que fan. Ao escoitalo vemos unha reivindicación da experiencia, pero tamén do talento, con cancións que se moven entre o clásico e o vangardista, porque Tote nunca quedou parado nun estilo. Busca, xoga, experimenta, divírtese coa música e combina ese rap clásico cos beats electrónicos, o reggae, o guitarreo ou ata o afrotrap.

No aspecto lírico, a constante é a de facer preguntas ao mundo e a si mesmo. Hai nas letras de Tote autenticidade de rúa, pero sempre coa vontade de ir máis lonxe e poñer no punto de mira os elementos máis turbios da sociedade e da súa vida. Con madurez, centrado, lúcido e sen autocompracencia, é quen de repasar con dureza a súa carreira en “Puzzle” ou de sinalar os absurdos do machismo en “Ellas” sen esquecerse de facer que nos veñamos arriba, como en “Sube sube sube”.
Xa ves: logo de seis LPs en solitario, a figura de Toteking non só non se apaga, senón que rexorde con forza a cada lanzamento, consolidado polo respecto dunha escena que ten colaborado con el case case ao completo: os temas de Tote con La Mala Rodríguez, SFDK, Solo los Solo, Frank T ou o seu irmán Shotta subliñan o prestixio dun rapper que non necesita presentación.

Formación

Toteking: voz

Discografía

  1. Lebron
  2. Tyson Pigeons (con Dheformer). EP
  3. 78
  4. El tratamiento regio. EP
  5. Héroe (con Shotta)
  6. El lado oscuro de Gandhi
  7. T.O.T.E.
  8. Un tipo cualquiera
  9. Música para enfermos
  10. Tu madre es una foca (con Shotta)

2001. Big King XXL

“Son un amante da música, non a deixo nunca, sempre estou investigando”