Os #RíasBaixasFest xa están a piques de comezar. A Deputación de Pontevedra, as e os organizadores do circuíto de festivais e autoridades dos concellos nos que se celebran lanzaron hoxe ao mediodía a nova edición deste sete eventos imprescindibles no calendario de lecer de verán. O acto, celebrado nos xardíns do Palacete das Mendoza (sede de Turismo Rías Baixas), contou coa presenza de numerosos invitados e invitadas, e puxo a banda sonora o combo jazz do Conservatorio Mayeusis de Vigo.

Portamérica, o 5, 6 e 7 de xullo, marcará o lanzamento dos Festivais Rías Baixas, e seguiranlle Vive Nigrán (20 e 21 de xullo), Atlantic Fest (20, 21 e 22), Sinsal SON Estrela Galicia (26, 27, 28 e 29), SonRías Baixas (2, 3 e 4 de agosto), O Marisquiño (10, 11 e 12) e Revenidas (17, 18 e 19).

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, destacou na presentación que os #RíasBaixasFests son unha idea exitosa que fomenta a música e constitúen un elemento moi potente de creación económica e promoción turística, ademais de salientar a aposta renovada da institución provincial por promover a sustentabilidade ambiental e a igualdade. Neste sentido ,realizarase unha campaña contra o sexismo denominada “Conta comigo, eu respéctote” e outra de concienciación sobre o coidado ambiental.

“Os Festivais Rías Baixas celébranse en contornas incomparables coa capacidade de traer á provincia de Pontevedra artistas internacionais, revalorizando a gastronomía e o compromiso co territorio”, agregou Carmela Silva. “Viva a música e vivan os #RíasBaixasFests. Esperamos a todos e a todas neste paraíso”, rematou.