Esta mañá tivo lugar no Estaleiro da Banda do Río de Bueu a presentación oficial do Festival SonRías Baixas 2019, que achegará os próximos xoves, venres e sábado á localidade pontevedresa unha completa proposta de ocio festivo e de calidade. A música porana La Pegatina, La M.O.D.A., Toteking, Iseo & Dodosound with the moushunters, Boikot, Nao, Segismundo Toxicómano, Periferia Norte, Zoo, Zea Mays, SÉS, Dubioza Kolektiv, Muyayo Rif, Dakidarría, Hakuna Tanaka, Som do Galpóm, Nius de nit, Ambigüo, Ninhodelosrecaos DJ e unha última banda sorpresa. A esta completa programación musical hai que engadir o tradicional turismo de sol e praia, as rutas de sendeirismo pola zona, a enoloxía e a mellor gastronomía da costa galega.

No acto de presentación da que será a 17ª edición do Festival SonRías Baixas participaron Félix Juncal Novas, alcalde do Concello de Bueu; Ana Laura Iglesias, deputada de Turismo e Xuventude da Deputación de Pontevedra; Jacobo Sutil, director da Agadic; e os codirectores do festival, Berta Domínguez e Jordi Lauren. Estiveron, tamén, presentes Santos Héctor, deputado de Cooperación Municipal e SAIM; Xosé Leal, Tamara Sotelo e Silvia Carballo, concelleiros de Bueu; e Pilar Vence, Gloria Bernárdez e Ángeles Tovío da Asociación de Celíacos de Galicia (ACEGA).

Berta Domínguez desvelou os horarios do festival, que arrincará no Escenario Super Bock, no Recinto da Estacada, o xoves 1 ás 21h co trap, o dancehall, o R&B e os ritmos latinos con aroma a parking do arrabalde dos novísimos Periferia Norte, capitaneados pola poderosa JazzWoman. Seguiranos, ás 22h30, a delirante combinación de hip hop, reggae, dub, rock e folclore bosnio dos Dubioza Kolektiv; ás 00h15, a revolución electrónica que chega dende Valencia da man dos Zoo; e, ás 2h, pechará a primeira noite de concertos mais a rotundidade do punk e do metal ao servizo dunhas letras que buscan axitar e crear conciencias na xira de despedida de Nao, que contará coa colaboración especial de Tanxugueiras.

O venres 2 ao mediodía abrirá as súas portas un novo espazo musical dentro do festival, o Escenario Regala Música, nas inmediacións da zona de acampada, onde soará ás 13h a frescura indie pop da banda gañadora do concurso Sonidos Mans, Ambigüo; ás 16h, o rap e funky made in Galiza dos Som do Galpom; e ás 17h15, a explosiva combinación de hip hop e reggae feminista de Hakuna Tanaka. Pola tardiña, a música volve ao Escenario Super Bock, ás 20h, coa rumba entusiasta dos Nius de Nit. Daranlle paso, ás 21h30, á elegante mestura de reggae, trip hop e r&b de Iseo & Dodosound with the moushunters; ás 23h coa marabillosa orquestra do folk, o blues, o country e o rock, La M.O.D.A.; ás 1h, as rimas honestas dunha das figuras esenciais do hip hop español, Toteking; e ás 2h45, pechará a xornada o magnético sentido do humor dos cataláns Muyayo Rif.

O sábado 3 será o día grande deste 17º SonRías Baixas, dende a apertura da Casa SonRías, 12h, co concerto dunha Banda sorpresa no Escenario Fest Galicia, ata ben entrada a madrugada. O acceso a esta particular casa de comidas musical será gratuíto, previa retirada da pulseira cashless nas billeteiras do festival. Na Casa SonRías soará o eclecticismo e o compromiso da galega Sés, ás 13h30. E, despois dun pequeño descanso para repoñer forzas, a música volverá ao Escenario Super Bock ás 20h15, co rock urbano misturado co espírito da festa balcánica de Boikot. Cederanlle a quenda, ás 22h15, ao hardcore punk de Segismundo Toxicómano; ás 23h30, soará a mítica banda bilbaína de pop-rock en euskera Zea Mays; e ás 0h350chegará outro dos pratos fortes do festival, a festa máis grande, nova e enerxética do ano, a de La Pegatina; ás 2h30, o público vibrará co regreso rebelde dos Dakidarría, que pecharán o Escenario Super Bock; e preto das 4h da mañá será Ninhodelosrecaos DJ -trasunto de Rubén Sierra, creador, cantante e guitarrista de La Pegatina- o encargado de poñer o ramo no Escenario Fest Galicia.

Jordi Lauren, pola súa banda, recordou que o SonRías Baixas conquistou, na súa pasada edición, a máis de 21.000 persoas de toda a península e xerou un impacto de 1,14 millóns de € na comarca do Morrazo. “Nesta nova edición”, asegurou, “o festival ábrese a todas as persoas que queiran gozar dunha experiencia cultural completa, na que a música actúa como fío condutor, pero que recolle tamén os múltiples atractivos da nosa costa”. Os miles de persoas que se acheguen ao Destino SonRías poderán saborear o Polbo das Rías, protagonista do menú do festival; catar o viño Tinta Femia, nunha singular experiencia enolóxica que xa ten todas as prazas completas; explorar o Morrazo e as súas paraxes, a través de tres rutas de turismo activo; gozar as fermosas praias da localidade; e, por suposto, escoitar nos tres días que durará o festival 19  bandas, máis ca en ningunha das anteriores edicións, distribuídas en tres escenarios. Todo, nunha contorna privilexiada, con fácil acceso á praia urbana e a todos os servizos da vila. E é que o SonRías Baixas, segundo recorda a organización, “é cómodo e seguro como primeiro festival musical para a xente moi nova”.

Lauren explicou, tamén, que a Asociación de Celíacos de Galicia certifica que o SonRías Baixas vai ofrecer comida e bebida apta para as persoas celíacas nunha zona especialmente deseñada para garantir que os produtos e alimentos sexan totalmente seguros, evitando a contaminación cruzada.

Jacobo Sutil, pola súa banda, salientou que dacordo co estudo realizado na pasada edición o SonRías Baixas é “o festival co público máis novo” e “integrado na contorna” e detallou que baixo o lema Festivais que fan camiño a Xunta de Galicia terá presenza no festival cun espazo propio que funcionará como epicentro dunha serie de actividades e campañas de concienciación social, medioambiental e lingüística. Sutil lembrou que o de Bueu foi o primeiro evento galego en implementar as pulseiras cashless, que agora empregan a mayoría dos festivais do país.

Ana Laura Iglesias recordou que o SonRías Baixas e a Deputación de Pontevedra suman as súas forzas para por en marcha unha campaña sustentabilidade que informará ao público asistente sobre a reciclaxe e o bo uso dos plásticos e unha campaña de igualdade que baixo os slogans Lembra Eu decido, Ti respectas e Conta comigo, Eu respéctote repartirá material informativo e de sensibilización contra as violencias machistas.

Félix Juncal salientou que o SonRías Baixas amosa os principais atractivos de Bueu. “É un proxecto cultural”, afirmou, “que achega moito máis que cultura, ofrecendo un espazo de goce e un importante impacto económico para o comercio local e para a hostelaría”.

Festival de referencia no país dentro da escena do rock español e da fusión mediterránea, o SonRías Baixas forma parte da campaña #famedefestivais da Deputación de Pontevedra, a través de Turismo Rías Baixas. E conta tamén co patrocinio de SuperBock, do Concello de Bueu, da Xunta de Galicia (a través da Agadic e de Fest Galicia, así como do Xacobeo 2021), do Goberno de España (a través do Ministerio de Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade), de PlayPlan, de Coca Cola e de Johnnie Walker. As entradas para os concertos da noite están á venda na web por 25€ máis gastos cada día e 41€ o abono para as tres xornadas, coa acampada incluída.