Volvemos! Desde o equipo de SonRías Baixas estamos moi felices por poder anunciar, por fin, que do 3 ao 8 de agosto de 2021 celebraremos o ciclo de concertos SonRías Baixas 2021. Volveremos gozar da mellor música en directo ao aire libre, nun formato diferente e con total seguridade! 

 

Kase.O, Sés, La M.O.D.A., La Pegatina, Travis Birds, Muerdo, TéCanela, Iseo & Dodosound, Sabela, Ciudad Jara, Tu Otra Bonita e SonDaRúa conformarán o cartel dunha edición moi especial, no que SonRías se transformará nun ciclo de concertos e pasará de contar con 3 a un total de 6 xornadas: cada noite ofrecerá dous concertos de artistas incribles que encherán de enerxía e festa as Rías Baixas! 
 
Desde SonRías Baixas levamos moitos meses traballando para poder ofrecer unha programación adaptada á normativa sanitaria vixente e, logo de analizar as múltiples posibilidades, decidimos adiar a celebración do festival ao 2022, mais no seu lugar propoñemos unha experiencia impregnada do espírito SonRías Baixas.  
 

Este ano celebramos un ciclo de concertos, pero queremos que saibades que xa estamos a traballar para que gocedes no 2022 do Festival. Aínda que recoñecemos que temos moitas, moitas ganas de estar con vós, se queredes gardar as vosas entradas do 2020 para o 2022 e trasladarnos o voso apoio, poderedes facelo: as entradas ou abonos do 2020 valerán, automaticamente, para a edición do Festival SonRías Baixas 2022. 
 

En agradecemento pola vosa confianza, todas as persoas que tedes abono ou entrada do Festival SonRías Baixas 2020 poderedes adquirir as entradas do ciclo de concertos antes que ninguén. O domingo 23, ás 18.00 horas, abriremos unha prevenda exclusiva para vós e, ademais, ofrecerémosvos unha bóla extra: se queredes, poderedes transformar os vosos tickets de 2020 en saldo e facervos, a través da web www.sonriasbaixas.info, coas entradas para os concertos deste verán.  
 
Estamos desexando vervos, cantar e bailar con vós. En nada poderemos facelo todas e todos xuntos. Mais, mentres chega ese día, sigamos gozando da música ao vivo con total seguridade. Do 3 ao 8 de agosto, celebramos o ciclo de concertos SonRías Baixas 2021. Esperámosvos!