Participa no I Concurso de Videclips Galegos SonRías Baixas

Tes un videoclip dunha canción en galego, producido por unha empresa galega ou feito por un equipo composto principalmente por persoas galegas? Envíanolo antes do 31 de maio de 2018 ás 22h00 a concurso@sonriasbaixas.info e participa na primeira edición do concurso de videoclips galegos que organizan o Festival SonRías Baixas e o Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu.

De entre todos os videoclips recibidos segundo o formato que se indican nas bases, un comité creado polo FICBUEU seleccionará os finalistas, que se proxectarán durante os días do Festival SonRías Baixas e serán os que opten aos premios: Primeiro premio ‘Ánfora de Ouro’, Segundo premio ‘Ánfora de Prata’ e Terceiro premio ‘Ánfora de Bronce’.

Se entrades nesta primeira selección, teredes que enviar dixitalmente un EPK (Electronic Press Kit) a comezos de xullo, para que a organización poida promocionar correctamente a proxección do voso videoclip no Festival SonRías Baixas en medios, redes sociais e no catálogo do evento.

Despois das proxeccións, elixirá os videoclips gañadores un Xurado no que participarán cun voto a Asociación FICBUEU, a Academia Galega do Audiovisual e Play Plan Cultural, organizadora do SonRías Baixas, e con dous votos as bandas participantes no festival. As persoas gañadoras recollerán os seus premios o sábado 8 de setembro durante o transcurso do FIC Bueu 2018.

Descargade e lede detidamente as bases completas e, se vos queda calquera dúbida, escribide a concurso@sonriasbaixas.info ou chamade ao 986 903 509.