O punk-rock de Desakato, os ritmos do mundo de García Mc & Nación Quilombo e a paixón pola tradición balcánica de Balkan Paradise Orchestra xa forman parte do cartel da XVIII edición do SonRías Baixas, que se celebrará os 30, 31 de xullo e 1 de agosto de 2020 en Bueu.

O Multiusos da Estacada volverá a recibir a Desakato, un dos maiores referentes do hard-core en español, despois de conseguir que público e crítica acabasen rendidos aos seus pés, innumerables sold outs e tocar en escenarios de todo o país co seu potentísimo directo como principal sinal de identidade. Ao igual ca eles, tamén subirá ao escenario do próximo SonRías Baixas García Mc que, tras vinte anos sendo un referente indiscutible da cultura hip-hop en Galicia, sorprende agora cun espectáculo innovador á fronte de Nación Quilombo, onde combina os ritmos do mundo con hip-hop e a palabra como centro. O vento, a percusión, a alegría e a paixón pola tradición balcánica correrán esta vez da conta de Balkan Paradise Orchestra, once mulleres capaces de transformar este xénero nun auténtico elixir de melodías tradicionais con ritmos de todo o mundo e unha das bandas máis prometedoras do panorama musical da actualidade.

Ademais destas tres bandas, a organización do festival confirmou tamén nas pasadas semanas a presenza de Kase.O nesta edición do festival. O concerto que ofrecerá no 18º Festival SonRías será unha das poucas oportunidades no Estado para gozar con “El último tramo”, a xira de despedida de El Círculo, coa que xa gozaron 500.000 espectadores a nivel nacional e internacional. As entradas para o SonRías Baixas, cuxo cartel se continuará desvelando ao longo das próximas semanas, estarán á venda a partir deste xoves 14 ás 12h na web sonriasbaixas.info cun prezo especial e limitado de 41€ máis gastos os tres días de concertos, acampada incluída.