A XVI edición do Festival SonRías Baixas, que encherá de novo Bueu de festivaleiros os días 2, 3 e 4 de agosto de 2018, suma tres novas bandas ao seu cartel. As xa anunciadas anteriormente pola organización, La Raíz e Terbutalina, estarán acompañados por Desakato, banda de que presenta na actualidade dos directos máis potentes da escena musical estatal, Sara Hebe, una das principais voces do underground suramericano do momento, e toda a forza e a enerxía do ska, do punk e do folk dos “locais” Skarnivals. As entradas están á venda na web sonriasbaixas.info cun prezo especial e limitado de 30 € máis gastos os tres días de concertos, acampada incluída.

O quinteto asturiano Desakato ten como selo de identidade os sons contundentes que fusionan con estilos e matices de diversa índole. Desakato é sinónimo de toques hardcore, aínda que tamén de espírito de loita e de moito rock and roll inspirado nun son sesentero. Despois de encher salas alá onde pasan e ter actuado en festivais coma o Derrame Rock, Viña Rock, Resurrection Fest, Tsunami Xixón, Pintor Rock, Cabo de Plata ou o Música Eñe de Londres, chegarán ao SonRías Baixas con “Antártida”, o seu sexto traballo de estudio baixo o brazo. Nel poderedes atopar unha chea de letras reivindicativas nas que son protagonistas temas coma o cambio climático, o dano o ser humano lle fai ao medio ambiente e a sociedade na que vivimos, na que reinan a pasividade e o inmovilismo. Os directos son, sen dúbida, o seu punto forte e os que xa os coñecen non foron quen de quedar indiferentes ante os seus trallazos sonoros.

Considerada unha das grandes axitadores da escena hip hop de América do Sur, Sara Hebe é especialista en experimentar con xéneros musicalmente dispares como a cumbia, o punk, o reggae ou a electrónica. Esta arxentina iniciouse no mundo da música de forma autodidacta no 2007 creando melodías e letras sobre ritmos xa compostos e, dende entón, público e crítica caeron rendidos ante o seu traballo. Caracterízana o seu xeito de atacar con urxencia a destreza métrica e o xeito no que aplica na lírica unha forte crítica social crúa, potente e bela a partes iguais. Este verán poderedes vela no SonRías Baixas acompañada no escenario por Ramiro Jota (baixo, guitarra e produtor musical) e Edu Morote (batería e percusión) nun directo que combinará o beat dixital do rap coa dinámica da salvaxe actitude desta incendiaria artista.

Un directo cargado de enerxía e comicidade, con momentos para a reflexión e a crítica é a marca da casa da banda punk folk galega The Skarnivals, que volverán ao SonRías Baixas este verán. A súa peculiar marca da casa é unha filosofía de loita e de alegría en contra da incansable sobredose de cordura que nos pretenden implantar. Tolemia e diversión que, no musical, se ve reflectida desde o primeiro minuto nuns rápidos ritmos ska combinados cunha potente descarga de distorsión en forma de punk-rock e liñas de ventos que convidan a non parar de moverse en todo momento, sen esquecer o característico e emotivo ambiente folk da gaita.