A 18ª será a edición na que, por fin, traiamos a Bueu a El Drogas, un dos artistas máis demandados polo público do Festival ao longo da nosa historia. O que fora cantante e baixista de Barricada é un dos máximos representantes do rock español e trae ao SonRías o seu proxecto máis ambicioso, no que hai sitio para os seus grandes clásicos, pero tamén para novas sonoridades e para a literatura, a actualidade, o amor e o compromiso social.

Compromiso que comparte a outra artista que anunciamos hoxe: a arxentina Sara Hebe, unha das voces máis salientables do underground latinoamericano actual que volve ao SonRías Baixas coa fórmula coa que conquistou ao público do festival hai un par de anos: rap, cumbia e electrónica adobiados cunha efervescente actitude punk. Feminismo global para un dos concertos que máis dará que falar neste SonRías Baixas 2020.

Estes dous artistas súmanse ao cartel do 18º SonRías Baixas, ao que aínda lle faltan moitos nomes pero no que xa destacan o mellor rapeiro en lingua hispana do mundo, Kase.O, o punk-rock dos Desakato, os ritmos do mundo de García Mc & Nación Quilombo e a paixón pola tradición balcánica de Balkan Paradise Orchestra.

Quedan unhas poucas entradas a un prezo especial e limitado de 41€ máis gastos os tres días de concertos, acampada incluída. Despois, xa sabedes, sube o prezo.