O calendario Fest Galicia 2019 desenvolverase entre os meses de xullo e setembro nos 12 festivais adheridos á segunda temporada, que se vincula estreitamente ao Xacobeo 21 baixo o lema Festivais que fan camiño. Refórzase así a aposta por esta marca, impulsada pola Consellería de Cultura e Turismo, en colaboración con outros departamentos autonómicos, como vía de apoio a festivais considerados estratéxicos para a promoción do turismo musical de acordo con criterios de calidade, sostibilidade e responsabilidade social.

Esta segunda edición incorpora a Cantos na Maré de Pontevedra e ao Caudal Fest de Lugo, xunto aos 10 eventos que xa participaran na experiencia piloto do ano pasado: PortAmérica, Resurrection Fest, Atlantic Fest, Vive Nigrán, Sinsal SON Estrella Galicia, 17º Ribeira Sacra, SonRías Baixas, Revenidas, Festival de la Luz e WOS Festival. Todos eles incorporarán campañas da Xunta a prol da igualdade e da prevención da violencia, do uso do galego, do respecto medioambiental ou do fomento de valores positivos para a xuventude, que terán o seu epicentro nun renovado stand da marca, ao tempo que avanzará na medición do impacto económico e social dos festivais.

Tras facer un balance moi positivo da primeira edición de Fest Galicia, cunha ampla e moi participativa resposta do público dos festivais ás diferentes accións impulsadas, Román Rodríguez asegurou esta mañá na presentación da segunda que as 12 citas asociadas este ano son moi diferentes en canto a formatos e propostas musicais, “pero todas teñen en común a aposta pola calidade, a singularidade e a sustentabilidade, que son á súa vez tres das claves da marca”.

A través dela, os festivais obteñen un apoio económico adicional ás subvencións específicas que o Goberno galego convoca cada ano para eles. En concreto, como explicou o conselleiro, este ano a convocatoria de adhesión a Fest Galicia dotouse con 350.000 euros para contratos de patrocinio coas empresas organizadoras dos eventos.

Nesta contía, inclúense as accións relacionadas coa difusión da súa campaña Agresión Off. Eu digo non á violencia sexual, que trata de facer chegar ás persoas asistentes aos festivais galegos material informativo de sensibilización e concienciación contra a violencia sexual e as agresións sexuais. Tamén se instalarán contedores para a separación dos residuos e desenvolveranse actividades de concienciación ao respecto. Realizarase unha actividade lúdico-formativa que ofrecerá información sobre os diferentes programas para a mocidade da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. E, finalmente, a campaña O galego crea ambiente dinamizará o uso da lingua galega nos festivais, ao tempo que crea consciencia do necesario que é que a xente nova se implique en causas xustas e, dalgún xeito, relacionadas entre si, como o coidado do medio e o uso da lingua galega.

No apartado das industrias culturais, este ano avanzarase na realización de estudos de medición do impacto económico e social dos festivais, que arrancou en 2018 cos informes sobre PortAmérica, Resurrection, Sinsal, SonRías Baixas e Revenidas promovidos pola Agadic en colaboración coa Universidade de Santiago. Desta volta, analizarase a repercusión de Atlantic Fest, Vive Nigrán, 17º Ribeira Sacra, Festival de la Luz, WOS Festival e Caudal Fest, comezando coa recollida de datos a través de enquisas directas aos asistentes a estas citas.