DESTINO SONRÍAS

A primeira fin de semana de agosto, Bueu convírtese no Destino SonRías, cunha completa proposta de ocio festivo e de calidade que inclúe a programación musical da 17ª edición do Festival SonRías Baixas e o tradicional turismo de sol e praia, combinado con tres rutas de sendeirismo pola zona, coa enoloxía e coa mellor gastronomía da costa galega.

Gastronomía - SonRías Baixas
Playas - SonRías Baixas
Skull - SonRías Baixas
Artistas - SonRías Baixas
Naturaleza - SonRías Baixas

Queremos que gocedes unha experiencia cultural completa. Por iso, ademais das necesarias indicacións sobre como chegar ao recinto, ofrecémosvos aquí información sobre outras actividades que pode axudarvos a converter a fin de semana do SonRías nunha experiencia inesquecible.

No Destino SonRías poderedes saborear o Polbo das Rías, protagonista do menú do festival; catar o viño Tinta Femia, nunha singular experiencia enolóxica; explorar o Morrazo e as súas paraxes, a través de tres rutas de turismo activo; gozar as fermosas praias da localidade; e, por suposto, escoitar nos tres días que durará o festival 19  bandas, máis ca en ningunha das anteriores edicións, distribuídas en tres escenarios: Super Bock e Fest Galicia, no recinto da Estacada, e Regala Música, nas inmediacións da zona de acampada.

O SonRías Baixas 2019 abrirá as súas portas o xoves 1 de agosto cunha noite intensa que conxugará a delirante combinación de hip hop, reggae, dub, rock e folclore bosníaco dos Dubioza Kolektiv; a revolución electrónica que chega desde Valencia da man dos Zoo; o trap, o dancehall, o R&B e os ritmos latinos con aroma a parking do arrabalde dos novísimos Periferia Norte, capitaneados pola poderosa JazzWoman; e a rotundidade do punk e do metal ao servizo dunhas letras que buscan axitar e crear conciencias na xira de despedida da galegos Nao.

O venres 2 de agosto, ao mediodía, o Estaleiro da Banda do Río, tamén coñecido como Estaleiro de Purro, acollerá unha Cata de viño Tinta Femia dirixida por Antonio Portela, vicepresidente da Asociación Gallega de Sumilleres. E, pola noite, soarán con potencia no Multiusos dá Estacada de Bueu a marabillosa orquestra do folk, o blues, o country e o rock, La M.O.D.A.; as rimas honestas, (auto)críticas e pegadas á actualidade do MC sevillano Toteking; a elegante mestura de reggae, trip hop e r&b de Iseo & Dodosound with the mousehunters; o magnético sentido do humor dos cataláns Muyayo Rif; e a rumba entusiasta dos Nius de Nit.

Antes de que o recinto dos concertos volva abrir as súas portas esa mesma noite, a música espallarase pola vila e soará, por primeira vez, nas inmediacións da zona de acampada, cun Escenario Regala Música no que soarán a explosiva combinación de hip hop e reggae feminista de Hakuna Tanaka; o rap e funky made in Galicia dos Som do galpom; e a frescura indie pop da banda gañadora do concurso Sonidos Mans, Ambigüo. O festival amplía, así, a súa oferta, e completa a experiencia musical dos miles de persoas que se desprazarán esa fin de semana ata Bueu para gozar unha programación que combina grupos consagrados con novas descubertas.

O sábado 3, tamén ao mediodía, a Casa SonRías abrirá as súas portas, un ano máis, no Recinto da Estacada, co polbo da ría como protagonista absoluto. Cociñeiros da contorna ofrecerán hamburguesas, croquetas, pizzas e empanada a partir do delicioso produto local e, sobre o Escenario Fest Galicia, o eclecticismo e o compromiso da galega SES e mais dos Poetarras porán o ramo a esta singular casa de comidas musical. 

Finalmente, cando remate a tarde chegará a Bueu a festa máis grande, nova e enerxética do ano, a de La Pegatina, que porá a bailar o público; o hardcore punk de Segismundo Toxicómano; o rock urbano mesturado co espírito da festa balcánica de Boikot; o regreso rebelde dos Dakidarría; a mítica banda bilbaína de pop-rock en eúscaro Zea Mays; e a picada de Ninhodelosrecaos DJ, identidade tras a que se esconde Rubén Sierra, creador, cantante e guitarrista de La Pegatina.

Pero vós xa o sabedes, o SonRías Baixas é moito máis. É unha festa total.