A banda italiana de ska-punk Talco abrirá o SonRías Baixas 2018 o xoves 2 de agosto

A banda italiana de ska-punk Talco abrirá, o xoves 2 de agosto, unha XVI edición do SonRías Baixas que encherá de novo Bueu de festivaleiros coa súa infalible mestura de boa música, gastronomía e praia. A organización do festival, que nos seus 16 anos de vida se ten convertido en toda unha referencia do verán en Galicia e no resto da península, ven de anunciar a distribución por días do seu completo programa musical, con Talco, Revolta Permanent e Assekes o xoves 2; La Raíz, Desakato, Che Sudaka, Terbutalina e Sara Hebe o venres 3; e Berri Txarrak, Gatillazo, Muchachito, Muerdo e The Skarnivals o sábado 4 de agosto. Sae hoxe á venda na web do festival un número limitado de entradas de día por 18 € máis gastos o xoves e 25 € máis gastos o venres e sábado, mentres que o abono para os tres días custa 40 € máis gastos, coa acampada incluída.

Ska, punk, rock, folk, música balcánica… no Punkchanka de Talco caben todos os xéneros, sempre que se presten ao baile e á crítica política. Nacida en Marghera, un barrio industrial das aforas de Venecia coñecido por acoller unha das maiores rebelións obreiras da historia de Italia, esta banda alternativa leva máis de dez anos cultivando éxitos por toda Europa co seu imparable apetito pola festa e pola troula, dentro do marco da reivindicación anti-fascista, anti-racista e anti-capitalista.

Os Talco ofrecerán no SonRías Baixas o seu único concerto nos festivais de verán galegos e farano cun novo disco debaixo do brazo. And the winner isn’t, publicado en febreiro deste 2018, abrirá no Escenario Super Bock o completo cartel musical da XVI edición do Festival SonRías Baixas, que inclúe a única cita galega da xira de despedida da big band valenciana La Raíz; o potente directo dos rockeiros referentes da música en euskera Berri Txarrak; as cancións libertarias e cheas de humor dos Gatillazo, cos que Evaristo Páramos mantén máis vivo ca nunca o espírito de La Polla Records; a descarga enerxética dos Desakato, que veñen de gañar o Premio ao Mellor Directo de España e Portugal nos Iberian Festival Awards; a particular mestura de rumba, rock, swing, funk, entusiasmo e alegría de Muchachito; a principal voz do underground suramericano do momento, Sara Hebe; a peculiar fusión de folclore latinoamericano con ritmos xamaicanos e actitude punk dos Che Sudaka; os enfants terribles do garage punk galego, Terbutalina; os habitantes do universo ska, punk e folk The Skarnivals; e unha selección das mellores bandas emerxentes do momento. A canción de autor urbana e mestiza de Muerdo, o rap e a electrónica en euskera de Revolta Permanent e o ska valenciano de Assekes farán que, como sempre, o público do certame marche de volta cunha nova descuberta musical.

A música é a súa gran protagonista e, por iso, o festival ofrece unha programación fresca e orixinal que combina artistas consagrados do panorama nacional e internacional con formacións novísimas que a organización descobre cada ano para a súa parroquia “festivaleira”. A única consigna é facer vibrar ao público con concertos potentes, divertidos, combativos…. inolvidables.

Pero a Experiencia SonRías é moito máis. O festival está feito por xente que sinte paixón pola música, pero tamén pola gastronomía, polo humor e polo audiovisual. Todos estes elementos teñen o seu espazo no festival, que ademais ten lugar nunha contorna paradisíaca, con impresionantes praias –algunhas a apenas cen metros do recinto e a zona de acampada– e espectaculares espazos naturais como o cabo Udra ou a illa de Ons a tiro de pedra en transporte marítimo. A primeira fin de semana de agosto, a boa música, o audiovisual, o humor e a mellor gastronomía galega cítanse en Bueu, no corazón das Rías Baixas.

E, para quen precise descansar, o recinto do SonRías Baixas atópase no medio da vila de Bueu, o que resulta moi cómodo e accesible. A zona de acampada ten duchas e aseos, servizo de restauración e alimentos de primeira necesidade e zona de carga de teléfonos móbiles e está a un paso a pé da praia urbana da localidade.