• Muyayo Rif e Periferia Norte completan, xunto cos xa anunciados Zea Mays e Zoo, o segundo avance do irresistible cóctel festivo que o festival de Bueu prepara para os días 1, 2 e 3 de agosto
  • As entradas están á venda na web sonriasbaixas.info, cun prezo especial e limitado de 31 € máis gastos, coa acampada incluída

Bueu, 16 de xaneiro de 2019.-La Pegatina e La Maravillosa Orquesta del Alcohol (la M.O.D.A.) súmanse ao cartel da XVII edición do SonRías Baixas, que se celebrará os días 1, 2 e 3 de agosto en Bueu. Ademáis destas dúas bandas, das máis destacadas na escena alternativa do Estado, a organización do festival confirmou esta mañá a Muyayo Rif, unha das propostas máis vitalistas e sorprendentes da escena catalá, e aos valencianos Periferia Norte, capitaneados pola poderosa JazzWoman. Un irresistible cóctel festivo que se suma ás dúas bandas xa anunciadas: a mítica banda bilbaína de pop-rock en euskera Zea Mays e os valencianos Zoo.

As entradas para o festival, cuxo festival se pechará ao longo das próximas semanas, están á venda cun prezo especial e limitado de 31 € máis gastos os tres días de concertos, acampada incluída.

Despois de arrasar en Madrid co seu concerto de 15º aniversario, La Pegatina anuncia que este verán visitará Bueu por cuarta vez. Os cataláns son parte da familia do festival que os troixo a Galicia por primeira vez, alá polo 2007, e prometen encher o Multiusos da Estacada coa festa máis grande, nova e enerxética do ano. Tamén La M.O.D.A., a marabillosa orquestra do folk, o blues, o country e o rock, ofrecerán unha entrega total sobre o escenario. E, como os directos enerxéticos son a marca da casa do SonRías, os Muyayo Rif chegarán tamén a Bueu con moitas ganas de facer bailar e co seu magnético sentido do humor, pero sen perder de vista o carácter social e reivindicativo das súas letras. Completan o segundo avance do SonRías Baixas o trap, o dancehall, o R&B e os ritmos latinos con aroma a parking do arrabalde dos novísimos Periferia norte, que acaban de ser galardoados como o mellor grupo de música en valenciano no certame Sona la Dipu. Unha desas bandas que o público do SonRías coñecerá e amará no festival.