Festival Son Rias Baixas, Actuacion la Pegatina 03/08/19

O SonRías Baixas congregou na súa XVII edición a 22.065 persoas, que puxeron rumbo ao Destino SonRías dende toda a península, para gozar de tres días e tres noites de música, gastronomía e praia. A organización apostou nesta edición de madurez por consolidar o modelo de ocio activo, completando a súa programación musical festiva e de calidade con actividades complementarias que reforzan a súa integración no territorio, como a completa e innovadora oferta gastronómica a partir do Polbo das Rías ou a cata de viño Tinto Femia que se ofreceu, de xeito gratuíto, a 25 asistentes ao festival. E o público respondeu, ofrecendo unha nova marca histórica para o festival, que cada ano xera na comarca un impacto superior ao millón de euros, cunha ocupación hoteleira do 100% e cos establecementos da vila ateigados de festivaleiros e festivaleiras de toda Galicia e do resto do Estado.

A 17ª edición do Festival SonRías Baixas arrincou o xoves 1 cunha cifra récord de asistencia, 4.800 persoas vibraron no Recinto da Estacada co trap, o dancehall, o R&B e os ritmos latinos dos novísimos Periferia Norte; coa delirante combinación de hip hop, reggae, dub, rock e folclore bosnio dos Dubioza Kolektiv; coa revolución electrónica dos Zoo; e máis coa rotundidade do punk e do metal de Nao, que marcou un dos momentos de máxima intensidade nun concerto que contou coa colaboración especial das Tanxugueiras.

O vernes 2, foron 6.000 as persoas que se congregaron no SonRías Baixas para bailar coa rumba entusiasta dos Nius de Nit; coa elegante mestura de reggae, trip hop e r&b de Iseo & Dodosound with the moushunters; coa marabillosa orquestra do folk, o blues, o country e o rock, La M.O.D.A.; coas rimas dunha das figuras esenciais do hip hop español, Toteking; e mais o magnético sentido do humor dos cataláns Muyayo Rif.

Durante o día, a organización habilitou unha nova zona de acampada, para dar cabida ás 4.500 persoas que quixeron vivir a experiencia festivaleira plena. Xa na edición anterior se acadara o aforo da acampada e para a organización era un reto ofrecer unha opción gratuíta, cómoda e atractiva a todas as persoas que quixeran quedarse varias noites no festival. A mellora completouse co nacemento dun novo espazo musical, o Escenario Regala Música, no que unas 1.500 persoas gozaron coa frescura indie pop da banda gañadora do concurso Sonidos Mans, Ambigüo; co rap e funky made in Galiza dos Som do Galpom; e coa explosiva combinación de hip hop e reggae feminista de Hakuna Tanaka.

O sábado 3, chegou un dos grandes éxitos desta edición, cunha Casa SonRías ateigada por 3.865 persoas que gozaron coas tapas de Fideuá de Polbo das Rías con ameixas ao tempo que coreaban os temas dos galegos Sés e Poetarras. No Casa SonRías fíxose especialmente patente, tamén, outro dos trazos destacados desta edición do festival: a enorme presenza de público familiar, con 427 menores no recinto. Ao longo de todo o festival, foron 1500 os menores de idade que gozaron do SonRías.

A noite do sábado, marcouse outro récord histórico, coa presenza de 7.400 persoas no recinto do festival. O público ateigou o recinto da Estacada dende o primeir concerto, a cargo dunha banda que forma parte da familia SonRías, Boikot, aos que seguiu o hardcore punk de Segismundo Toxicómano e o pop-rock da mítica banda bilbaína Zea Mays. Pasada a media noite, chegou o chego absoluto, para ver a outra das bandas máis queridas para o público do festival, La Pegatina, que estiveron acompañados por Sabela de OT. Os Dakidarría pecharon o Escenario Super Bock e Ninhodelosrecaos DJ -trasunto de Rubén Sierra, creador, cantante e guitarrista de La Pegatina- púxolle o ramo a esta XVI edición do festival dende o Escenario Fest Galicia.

Festival de referencia no país dentro da escena do rock español e da fusión mediterránea, o SonRías Baixas consolidou, nesta 17ª edición, o concepto de Destino SonRías, completando unha proposta musical “marca da casa”, con bandas que forman parte da historia viva da música deste país e con novas propostas e descubertas, nun xogo co público que inclúe múltiples estilos e linguas (no SonRías soaron galego, euskera, catalán e valenciano, inglés, bosnio e, por suposto, español). E todo, nunha contorna privilexiada, con fácil acceso á praia urbana e a todos os servizos da vila. O reto, para a organización, é seguir medrando e mellorando sen perder a esencia dun festival que naceu da paixón polos festivais.

O SonRías Baixas forma parte da campaña #famedefestivais da Deputación de Pontevedra, a través de Turismo Rías Baixas. E conta tamén co patrocinio de SuperBock, do Concello de Bueu, da Xunta de Galicia (a través da Agadic e de Fest Galicia, así como do Xacobeo 2021), do Goberno de España (a través do Ministerio de Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade), de PlayPlan, de Coca Cola e de Johnnie Walker.