Atlantic Fest, Festival 17º Ribeira Sacra, Festival de la Luz, Revenidas, Sinsal SON Estrella Galicia, SonRías Baixas, Vive Nigrán e WOS Festival SON Estrella Galicia conforman a asociación Festivais de Galicia, que se presentou esta mañá en Santiago de Compostela.

Os festivais asociados reúnen, cada ano, a máis de 75.000 persoas, xeran máis de 600 postos de traballo e invisten 1,5 millóns de euros no territorio. Ademáis, contan cun amplo recoñecemento a nivel galego e español e mesmo internacional: entre todos, atesouran varios premios nacionais e internacionais, contan con casi 400.000 seguidores/as en redes sociais e son un factor esencial de visibilización dos municipios onde se celebran, atraendo milleiros de visitantes e turistas.

Xabier Alonso, xerente da asociación, adiantou na presentación que Festivais de Galicia nace co obxectivo de “visibilizar un sector profesional que xera emprego e retorno económico, social e medioambiental para o territorio e para outros sectores” e máis de “regular as boas prácticas que favorezan a competencia sana”. Un exemplo destas boas prácticas é a avaliación do impacto sobre o territorio: “é necesario establecer novas metodoloxías que solventen a falta de obxectividade que se dá actualmente neste aspecto, non só a nivel galego senón a nivel estatal e non só na medición cuantitativa, senón tamén na cualitativa”, explicou Alonso.

Luis Campos, representante do Sinsal SON Estrella Galicia e presidente da nova asociación, asegurou que este proxecto é “algo inédito en España”, no que empresas distintas pero complementarias se unen para facer colectivamente o que non poden facer individualmente. A maior preocupación da asociación é promover festivais únicos, diferenciados, con valores singulares, adaptados á realidade do noso entorno social e xeográfico, seguros e sostibles, en armonía co territorio e co medio ambiente.

Carlos Montilla, do 17º Ribeira Sacra, destacou que se trata dunha “carreira a medio prazo” e caracterizou os festivais galegos pola súa “profesionalidade, calidade, cantidade e diversidade”. “A asociación é aberta e dentro dela caben distintas sensibilidades, con festivais urbanos e rurais, de interior e de costa, etc.”, apuntou.

Jordi Lauren, do Festival SonRías Baixas, salientou o “optimismo” do colectivo á hora de buscar solucións para as necesidades tanto do sector dos festivais como do conxunto do sector musical e mesmo cultural. “O reto é construír un modelo de festival en calidade, profesionalización e seguridade”.

Todos eles destacaron que non son competencia, que comparten coñecementos e todos unidos poden crear novos públicos e construír un modelo conxunto produtivo que beneficie estratexicamente a todos/as.