O equipo do festival anuncia un cartel continuista e adiántalles por correo-e ás persoas que mercaran a súa entrada para este ano que o rapeiro Kase.O. tocará en Bueu os días 5, 6 e 7 de agosto de 2021 

Aentradas compradas valerán para o SonRías Baixas 2021, pero as persoas que non queiran conservalas poden solicitar o reembolso por correo-e antes do luns 8 de xuño ás 23:59h 

O SonRías Baixas anunciou hoxe que, finalmente, non poderá celebrar a súa 18ª edición nas datas previstas, os días 30, 31 de xullo e 1 de agosto deste 2020. A evolución da crise sanitaria sen precedentes que estamos a padecer e a indefinición nas medidas que deben aplicar os festivais musicais na “nova normalidade” para garantir a seguridade do público asistente, das e dos artistas e do resto das persoas que traballan nun evento destas características obrigan a organización do festival de Bueu a pospor o seu 18º aniversario aos días 5, 6 e 7 de agosto de 2021.   

O equipo do SonRías Baixas traballa xa no cartel artístico do próximo ano e aínda que non poden garantir que o programa de 2021 sexa idéntico ao previsto para a edición 2020”, hoxe anunciaron que Kase.O. tocará no SonRías Baixas 2021 e que a maioría dos artistas que se anunciaran para esta edición están amosando a súa predisposición para adaptarse ao novo calendario. Considerado con frecuencia o mellor rapeiro en lingua hispana do mundo, Kase.O é unha icona do hip hop non comercial español dende hai máis de 20 anos. O SonRías confirma así que mantén en cartel un dos pratos fortes desta edición, a proposta máis persoal, sincera, valente e arriscada coa que quen fora integrante dos míticos Violadores del Verso conseguiu un disco de ouro, foi nomeado aos Grammy Latino e bateu récords de asistencia en espazos paradigmáticos como o Wizink Center Madrid ou o Palau Sant Jordi Barcelona. 

A organización comunicoulles a confirmación de Kase.O. no cartel do festival, en primicia, ás persoas que compraron a súa entrada para gozar coa música e a praia este verán de 2020, anunciándolles tamén que as entradas compradas valerán para o SonRías Baixas 2021 e que as persoas que decidan conservalas recibirán unha pequena compensación, pola súa fidelidade e confianza. “E é que”, explícanlle dende o SonRías Baixas ao seu público, “se conservades a vosa entrada, axudádesnos a sobrepornos nun momento de gran dificultade e dádesnos forzas para seguir soñando para vós tres días e tres noites inesquecibles de música, praia e sorrisos”. Para as persoas que queiran axudar a organización do festival e conservar a súa entrada pero non saiban seguro se poderán asistir ao festival nas novas datas, habilitarase a opción de cambio de nome un par de meses antes do SonRías Baixas 2021, coa opción de cedela ou regalala a outra persoa. 

As persoas que non queiran ou non poidan conservar os seus tickets, poden solicitar o reembolso íntegro do importe seguindo as instruccións que lles chegaron á dirección de correo-e empregada no momento de comprar a entrada, antes do luns 8 de xuño ás 23:59h. Unha vez finalizado o prazo de solicitude, a organización comezará co reembolso dos cartos, que non deberá demorarse máis 5 díasA información está recollida na web do SonRías Baixas e o correo de consulta é festival@sonriasbaixas.info. 

Lamentamos moitísimo os inconvintes que esta situación vos poida causarasegura a organización do festival nun comunicado, “pero a saúde do noso público, dos artistas e do resto das persoas que colaboran co festival é o máis importante para nós. Sodes a nosa familia. Traballamos todo o ano para poder compartir con vós tres días e tres noites de música, de praia e de amizade, o festival que a nós nos gustaría gozar como público. Non poder facelo este ano pártenos o corazón. 

E sabemos que público, artistas e organización non somos os únicos afectados por esta situación”, continúan. O SonRías Baixas congregou o pasado mes de agosto en Bueu a 22.065 persoas, xerando na comarca un impacto superior ao millón de euros, cunha ocupación hoteleira do 100% e cos establecementos da vila ateigados de festivaleiros e festivaleiras de toda Galicia e do resto do Estado. Este verán non poderemos achegar esa riqueza económica e cultural á nosa terra”, lamenta o equipo do SonRías dende Bueu, “e iso prodúcenos, tamén, unha enorme tristeza. 

A organización do festival manifesta o seu agradecemento ao público, pola súa paciencia e polas mensaxes de ánimo que están recibindo nun momento tan difícil e incerto para o sector. E agradece, tamén, a preocupación e o apoio amosado polas institucións públicas que patrocinan o evento, nomeadamente o Concello de Bueu, a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra.