Falta pouco máis dunha semana para que a XVI edición do Festival SonRías Baixas convirta Bueu no epicentro do rock e das músicas do mundo, ao encher a vila de festivaleiros e festivaleiras procedentes de diversos puntos do mapa. Virán atraídos por unha programación musical fresca e orixinal que combina artistas consagrados do panorama nacional e internacional con formacións novísimas que a organización descobre cada ano para a súa parroquia, pero o Destino SonRías é moito máis.

E é que os italianos Talco, a big band valenciana La Raíz, os Berri Txarrak, Gatillazo, Desakato, Muchachito, Sara Hebe, Che Sudaka, Terbutalina, The Skarnivals, Muerdo, Revolta Permanent e Assekes reinarán nas noites do xoves 2, o venres 3 e o sábado 4 sobre o Escenario Super Bock, onde a única consigna é facer vibrar ao público con concertos potentes, divertidos, combativos…. inolvidables. As entradas para estas actuacións están á venda na web do festival por entre 18 € e 40 € máis gastos.

Pero o sábado 4, durante o día, a Casa SonRías abrirá as súas portas, un ano máis, no Recinto da Estacada, onde a gastronomía do Morrazo será a protagonista. Cociñeiros da contorna ofrecerán as súas mellores creacións ao público que queira achegarse ata esta singular casa de comidas musical, onde ás doce do mediodía as Voodoo se subirán ao Escenario Fest Galicia e ofrecerán unha mostra do seu soulk, unha particular mestura de soul e folk, que dará paso a un acústico de Muchachito en solitario e a unha actuación sorpresa que porá o broche de ouro a esta exclusiva e orixinal degustación gastronómico-musical. Nas pantallas, proxectaranse os finalistas do I Concurso de Videoclips Galegos SonRías Baixas, no que a música e o audiovisual se dan a man. A asistencia a estas actividades é gratuíta e os pratos serán despachados en formato tapa a prezos moi axustados.

 

Finalistas do I Concurso de Videoclips SonRías Baixas

Das oitenta pezas audiovisuais que participaron na primeira edición do Concurso de Videoclips Galegos, creado pola produtora cultural Play Plan Cultural -organizadora do Festival SonRías Baixas- e polo Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (FICBUEU) para promover a cultura musical galega, o comité creado polo FICBUEU seleccionou 16 finalistas: Zero de Agoraphobia, Inferis de Basanta, En Compostela de Dakidarría, Días y días de Delafé, Troubled Times de Green Day, Fly de Iván Caride, Ahora o Nunca de La Pegatina feat. Macaco, Fódase de Machina, Batabatunga de Monoulious DOP, Salto al vacío de Nortones, Ás Prazas de Raiba, Vengo de Galicia de Ricky Hombre Libre, Resurgir de Soziedad Alkohólika, Life is my name de Stoned At Pompeii, Foliada verdescente de The skarnivals e The Battle Of The Good Men de You Dog!!

Entre as pezas finalistas, que se poderán ver o sábado ao mediodía no Casa SonRías e a partir das 19h nos accesos ao Festival, arrasa o rock, con oito videoclips deste xénero. Pero tamén hai oco para o ska, o hip hop, o punk e o pop. Entre os creadores, destacan Deica audiovisual -que asina cinco das pezas finalistas-, Manu Viqueira –con tres- e Xaime Miranda, con dúas. Completan a relación de autores Antonio Caeiro (O Faiado da Memoria) e Pablo Banga (Ollomol Audiovisual), David Fidalgo Omil, Julio Mayo, Óscar Doviso, Pedro Folla Salorio e Ricardo López Barreiro.

 

Pulseiras cashles

O Festival SonRías Baixas anticipouse ás novas tendencias, ao utilizar na pasada edición -por primeira vez en Galicia- as pulseiras cashless para permitir o acceso ao recinto e para pagar en todos os puntos de comida, bebida e merchandising, ofrecendo ao público asistente a posibilidade de deixar o diñeiro en efectivo e as tarxetas bancarias na casa. Este ano, o evento sigue dando boa conta do seu carácter pioneiro e dá un paso máis, incorporando o control de aforo continuo a través da tecnoloxía RDIF, para o que se validarán as pulseiras tamén para saír do recinto. Un auténtico despregamento de medios e de personal humano que este ano conta co apoio da marca Fest Galicia, que tamén patrocina a programación musical do Casa SonRías. Quen queira precargar a súa pulseira antes do festival pode facelo xa a través desta ligazón.

 

Unha contorna paradisíaca

O audiovisual, a música e a gastronomía protagonizan esta XVI edición do SonRías Baixas que, como sempre, ten lugar nunha contorna paradisíaca, con impresionantes praias –algunhas a apenas cen metros do recinto e a zona de acampada– e espectaculares espazos naturais como o cabo Udra ou a illa de Ons a tiro de pedra en transporte marítimo. E, para quen precise descansar, o recinto do festival atópase no medio da vila de Bueu, o que resulta moi cómodo e accesible. A zona de acampada ten duchas e aseos, servizo de restauración e alimentos de primeira necesidade e zona de carga de teléfonos móbiles e está a un paso a pé da praia urbana da localidade.

Unha proposta irresistible á que dende a pasada edición se sumou o patrocinio da principal marca de cervexa de Portugal, Super Bock, nunha alianza natural entre un dos festivais con máis personalidade e proxección do Estado e a gran marca da música e dos eventos culturais do país veciño. O Festival SonRías Baixas está producido pola empresa de produción e xestión cultural PlayPlan e conta, tamén, co apoio do Concello de Bueu, da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia, a través de Agadic.

Ligazóns de interese: horarios | pulseiras cashless | videoclips finalistas