O SonRías Baixas pechou este sábado, día 4, de madrugada a súa XVI edición colgando o cartel de “completo” por segunda noite consecutiva. O festival congregou a pasada semana en Bueu a 22.000 persoas, que puxeron rumbo ao Destino Sonrías dende toda a península, para gozar de tres días e tres noites de música, gastronomía e praia. O festival acada así o seu novo récord histórico, superando en preto de 5.000 persoas a de 2016, nunha edición marcada pola onda de calor.

O pistoletazo dérono, o xoves, os valencianos Assekes, que foron recibindo coa súa mestura de ska, rumba e rock alternativo as máis de 4.600 persoas que se congregaron no Recinto da Estacada de Bueu para botar co ska-punk dos italianos Talco. Pechou a noite o rap e a electrónica en euskera de Revolta Permanent.

O venres, a organización colgou o cartel de “completa” na zona de acampada, con 3.500 persoas, ás 21h, pouco antes de que a principal voz do underground suramericano do momento, Sara Hebe, baixara do Escenario Superbock para deixar paso á peculiar fusión de folclore latinoamericano con ritmos xamaicanos e actitude punk dos Che Sudaka.

Os valencianos La Raíz protagonizaron un dos momentos máis intensos do festival, facendo vibrar a preto de 7.000 persoas no seu último concerto en Galicia. E cos Desakato chegou o primeiro cartel de “completo”, contra a media noite e ao berro de “Que se note donde está la auténtica manada, porque no puede haber ninguna agresión sexista en un festival o una fiesta”. Os encargados de pechar a xornada foron os enfants terribles do garage punk galego, Terbutalina.

O sábado as actividades comezaron ao mediodía cunha nova edición do Casa SonRías, un peculiar restaurante musical no que as cociñeiras de El Rincón de Cela ofreceron Fideuá con ameixas e Anguriñas ao allo con gambón ás 3.200 persoas que gozaron con Voodoo, Solo Muchachito e Dakídarría en acústico, no escenario Fest Galicia. Un público entregado coreaba “historias dunha terra de cuncas e de mar” baixo un sol abafante, mentres nas barras se repartía auga gratis e na zona da carpa se poñían aspersores a funcionar para que quen quixese puidera refrescarse. Nas pantallas, proxectábanse os finalistas do I Concurso de Videoclips Galegos SonRías Baixas, no que a música e o audiovisual se dan a man.

Xa pola noite, e para despedir o SonRías Baixas, 7.000 persoas viviron unha unha enerxética noite de concertos, coa canción de autor urbana e mestiza de Muerdo; seguida polas cancións libertarias e cheas de humor dos Gatillazo; pola particular mestura de rumba, rock, swing, funk, entusiasmo e alegría de Muchachito; e polo potente directo dos rockeiros referentes da música en euskera Berri Txarrak. Pecharon o festival os galegos The Skarnivals, habitantes do universo ska, punk e folk.

 

Impacto económico

Un equipo da USC realizou centos de enquisas entre as persoas asistentes ao SonRías Baixas para calcular con precisión o efecto multiplicador que o investimento realizado supón para Bueu e para a súa contorna. O resultado coñecerase ao longo das próximas datas.

 

O festival dos máis festivaleiros

A particular mistura de música, praia e gastronomía nun contorno privilexiado é unha das principais marcas de identidade do SonRías Baixas, que xa é toda unha referencia do verán en Galicia e no resto do Estado. Co slogan “o festival dos máis festivaleiros” por bandeira, a organización artella cada ano unha completa programación musical que combina nomes consagrados e novas propostas e ofrécellela aos seus seguidores a uns prezos moi asequibles nunha contorna paradisíaca, con impresionantes praias –algunhas a apenas cen metros do recinto e a zona de acampada– e espectaculares espazos naturais como o cabo Udra ou a illa de Ons a tiro de pedra en transporte marítimo. E, para quen precisa descansar, o recinto do festival atópase no medio da vila de Bueu, o que resulta moi cómodo e accesible.

Unha proposta irresistible á que dende a pasada edición se sumou o patrocinio da principal marca de cervexa de Portugal, Super Bock, nunha alianza natural entre un dos festivais con máis personalidade e proxección do Estado e a gran marca da música e dos eventos culturais do país veciño. O Festival SonRías Baixas foi producido pola empresa de produción e xestión cultural PlayPlan e contou, tamén, co apoio do Concello de Bueu, da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia, a través de Agadic.