Considerado con frecuencia o mellor rapeiro en lingua hispana do mundo, Kase.O é unha icona do hip hop non comercial español dende hai máis de 20 anos. O concerto que ofrecerá no 18º Festival SonRías Baixas, que se celebrará os días 30 e 31 de xullo e 1 de agosto de 2020 en Bueu, será unha das poucas oportunidades no Estado para gozar con “El último tramo”, a xira de despedida de El Círculo, coa que xa gozaron 500.000 espectadores a nivel nacional e internacional.

As persoas interesadas en vibrar coa proposta máis persoal, sincera, valente e arriscada de Kase.O, coa que o ex-integrante dos míticos Violadores del Verso conseguiu un disco de ouro, foi nomeado aos Grammy Latino e bateu récords de asistencia en espazos paradigmáticos como o Wizink Center Madrid ou o Palau Sant Jordi Barcelona, poderán facerse coa súa entrada este xoves, día 17, ás 12h, aquí, a un prezo reducido de 33 euros máis gastos. Dende a organización, recórdase que o 18ª SonRías Baixas esgotou en menos de 3h as primeiras 700 entradas que puxo á venda na súa web. 

O SonRías Baixas chega á súa maioría de idade cunha edición na que avanzará un paso máis a partir dun modelo xa consolidado, co obxectivo de chegar a un público máis amplo, sen perder a esencia dun festival que naceu da paixón polos festivais do equipo directivo e que os últimos anos ten conquistado o público de Galicia e do resto do Estado coa súa singular proposta de música, gastronomía e praia. O pasado agosto, 22.065 persoas puxeron rumbo ao Destino SonRías dende toda a península, para gozar cunha programación musical de calidade, festiva e reivindicativa, pero tamén cunha completa proposta de ocio activo, profundamente integrada no territorio, que xerou na comarca un impacto superior ao millón de euros, cunha ocupación hoteleira do 100% e cos establecementos da vila ateigados de festivaleiros e festivaleiras. O reto, para a organización, é medrar neste ano no que o festival chega á maioría de idade sen perder de vista a singulariedade do proxecto.