• Toteking actuará o venres 2 de Agosto, xunto con La M.O.D.A., Iseo & Dodosound Muyayo Rif, Nius de Nit, Hakuna Tanaka, Som do Galpom e Ambigüo, mentres que Ninhodelosrecaos DJ o fará o sábado 3 xunto con La Pegatina, Sés, Boikot, Segismundo Toxicómano, Dakidarría e Zea Mays e Dubioza Kolektiv, Zoo, Periferia Norte e Nao, o xoves 1
  • O SonRías, que na súa pasada edición conquistou a máis de 21.000 persoas e xerou un impacto de 1,14 millóns de euros na comarca do Morrazo, pon á venda hoxe na súa web as entradas de día por 25€ máis gastos. O abono para os tres días custa 41 euros, coa acampada incluída

Bueu, 22 de maio de 2019.- O rapeiro sevillano Toteking súmase ao completo cartel musical do 17º SonRías Baixas, que a primeira fin de semana de agosto congregará en Bueu a máis de 21.000 persoas para gozar con tres intensos días de concertos, coa boa gastronomía e coas incomparables praias das Rías Baixas. O festival anuncia, tamén hoxe, o seu cartel por días e pon á venda na súa web as entradas para cada noite de concertos por 25€ máis gastos e o abono para os tres días por 41 euros máis gastos, coa acampada incluída.

Dende os seus inicios hai dúas décadas no mítico grupo La Alta Escuela, o MC sevillano Toteking converteuse nunha das figuras esenciais do hip hop español, xuntando un flow impresionante, unhas letras brillantes e un gusto exquisito para as bases. As súas rimas honestas, (auto)críticas e pegadas á actualidade soarán con potencia no Multiusos da Estacada de Bueu o venres 2 de agosto, xunto coa marabillosa orquestra do folk, o blues, o country e o rock, La M.O.D.A.; a elegante mestura de reggae, trip hop e r&b de Iseo & Dodosound with the moushunters; o magnético sentido do humor dos cataláns Muyayo Rif; a rumba entusiasta dos Nius de Nit; a explosiva combinación de hip hop e reggae feminista de Hakuna Tanaka; o rap e funky made in Galiza dos Som do galpom; e a frescura indie pop da banda gañadora do concurso Sonidos Mans, Ambigüo.

O sábado 3 chegará a Bueu a festa máis grande, nova e enerxética do ano, a de La Pegatina; que porá a bailar ao público xunto co eclecticismo e co compromiso da galega SÉS; o hardcore punk de Segismundo Toxicómano; o rock urbano misturado co espírito da festa balcánica de Boikot; o regreso rebelde dos Dakidarría; a mítica banda bilbaína de pop-rock en euskera Zea Mays; e a picada de Ninhodelosrecaos DJ, para pechar a festa. Baixo a identidade de Ninhodelosrecaos DJ escóndese Rubén Sierra, creador, cantante e guitarrista de La Pegatina que tralos pratos é o rei do World Eclectic Beat, unha mestura de estilos que abrangue dende o dancehall ao trap, pasando polo mombathon, a salsa, o tropical bass ou o ska. Sierra é un dos Djs residentes das famosas festas Canibal Apolo de Barcelona, onde tamén dirixe e conduce o programa de radio Casa Babylon, que emite a emisora autonómica Icat FM. Ninhodelosrecaos DJ é sinónimo de festa, diversión, sorpresas e enerxía.

O xoves 1, o festival abrirá as súas portas cunha noite intensa que conxugará a delirante combinación de hip hop, reggae, dub, rock e folclore bosnio dos Dubioza Kolektiv; a revolución electrónica que chega dende Valencia da man dos Zoo; o trap, o dancehall, o R&B e os ritmos latinos con aroma a parking do arrabalde dos novísimos Periferia Norte, capitaneados pola poderosa JazzWoman; e mais a rotundidade do punk e do metal ao servizo dunhas letras que buscan axitar e crear conciencias na xira de despedida de Nao.

Festival de referencia no país dentro da escena do rock español e da fusión mediterránea, o SonRías Baixas incorpora un ano máis no seu completo cartel musical novas voces e ritmos. Serán tres completas xornadas de concertos, con dezanove bandas que van dende a historia viva da música deste país ata as novas descubertas e que se distribuirán en tres escenarios: Super Bock, Fest Galicia e Regala Música. As persoas que se acheguen a primeira fin de semana de agosto ata o festival de Bueu, escoitarán sete linguas, vibrarán con catro mulleres de armas tomar e bailarán estilos tan diferentes como o rock, reggae, rumba, ska, blues, country, funky, metal, hardcore, punk, hip hop, trip hop, rap, trap, folk-rock, pop-rock, tradicional, balcánica, latina, fusión, dub, urbana, electrónica, dancehall ou a fusión.  Todo, nunha contorna privilexiada, con fácil acceso á praia urbana e a todos os servizos da vila. “O SonRías Baixas”, recorda a organización, “é cómodo e seguro como primeiro festival para a xente moi nova”. Patrocinan o festival SonRías Baixas, que na súa pasada edición conquistou a máis de 21.000 persoas de toda a península e que xerou un impacto de 1,14 millóns de euros na comarca do Morrazo, SuperBock, o Concello de Bueu, a Deputación de Pontevedra a través de Turismo Rías Baixas, a Xunta de Galicia, a través da Agadic e de Fest Galicia, PlayPlan, Coca Cola e Johnnie Walker. A organización traballa agora no deseño da programación paralela, que ofrecerá unha completa oferta gastronómica e potenciará os recursos naturais e turísticos das Rías Baixas.