A música ao vivo regresa este verán ás Rías Baixas cun singular ciclo de concertos a ceo aberto durante seis noites, co compromiso de PlayPlan de recuperar en agosto de 2022 a edición aprazada o ano pasado.

Ciudad Jara, Muerdo, TéCanela, Tu Otra Bonita e SonDaRúa completan o line-up da cita de referencia en Bueu coas propostas máis enérxicas e divertidas do panorama musical estatal do momento.

As entradas para gozar do ciclo de concertos SonRías Baixas 2021, que contarán  con asentos preasignados e ata tres tramos diferenciados de prezo, estarán dispoñibles a partir do luns 24, ás 10.00 horas, en www.sonriasbaixas.info.

As entradas do Festival SonRias Baixas 2020 terán validez para a edición do 2022, mais o público que dispoña destes tickets poderá solicitar a súa transformación en saldo para adquirir as entradas dos concertos do ciclo deste verán.

Bueu, 20 de maio de 2021.- O SonRías Baixas 2021 xa ten cartel e data de celebración. Este verán, do 3 ao 8 de agosto, Bueu converterase no escenario que acollerá a cita coa música ao vivo máis enérxica, divertida e festiva do panorama musical actual en Galicia. Kase.O, Sés, La M.O.D.A., La Pegatina, Travis Birds, Muerdo, TéCanela, Sabela, ISEO & Dodosound, Ciudad Jara, Tu Otra Bonita e SonDaRúa conformarán o singular cartel dun SonRías que se transforma nun ciclo de concertos e que dobra a súa duración, pasando de tres a seis noites de música en directo. 

 

A proposta de programación desta serie de actuacións, que propón a promotora PlayPlan, xurde como resposta aos retos que tanto o contexto sociosanitario actual como o cumprimento da normativa vixente de prevención da covid-19 plantean. Así, a dirección do SonRías Baixas, logo de explorar e analizar diversas posibilidades, optou finalmente por adiar a edición de 2020 para o verán de 2022 e, no seu lugar, ofrecer un ciclo de concertos impregnado polo espírito SonRías.  

Deste xeito, SonRías Baixas dobrará a súa aposta pola celebración de eventos ao vivo e ampliará a duración da programación do SonRías Baixas, que pasará de ter tres a un total de seis xornadas de concertos. Estea opción permite a PlayPlan programar dous actuacións ao día e ofrecer unha experiencia festivaleira que garanta a seguridade de público e artistas no contexto sociosanitario actual; ademais de favorecer o coñecemento do Destino SonRías, no que as e os asistentes poderán explorar as espectaculares paisaxes e praias da contorna, degustar a gastronomía da zona ou mesmo navegar pola ría.

Programación

SonRías Baixas regresa aos escenarios cunha proposta coidada, rebordante de dinamismo e vitalidade, na que destaca a actuación do mítico Kase.O, na que recupera o seu aclamado proxecto Jazz Magnetism. Xunto ao rapeiro, grupos como La Pegatina, Ciudad Jara, ISEO & Dodosound, Travis Birds e Muerdo tamén ofrecerán en Bueu o seu único directo de gran formato en Galicia este verán.

Os concertos do ciclo SonRías Baixas 2021 terán lugar en horario nocturno. A xornada inaugural, o martes 3 de agosto, contará coa música e cantareira Sés, que regresará aos escenarios galegos para presentar o seu último disco, Liberar as arterias. Previamente, o dúo TéCanela avanzará, co dinamismo e bo rollo que caracteriza a Ariadna Rubio e Jano Fernández, algúns temas do seu vindeiro traballo discográfico. O mércores 4 de agosto será a quenda de Ciudad Jara, na primeira actuación que o novo proxecto de Pablo Sánchez -líder e compositor de La Raíz- fará en Galicia, e Tu Otra Bonita, que se suma por vez primeira ao cartel do SonRías para dar a coñecer o seu cuarto álbum, Crema.

Ao día seguinte, o xoves 5,  ISEO & Dodosound, revisarán acompañados de The MouseHunters algúns dos seus éxitos e darán a coñocer algúns cortes inéditos do álbum que publicarán proximamente; mentres que a música e compositora Travis Birds presentará por vez primeira nas Rías Baixas o seu segundo e aclamado álbum, La Costa de los Mosquitos

Xa de cara á fin de semana, o ciclo arrancará o venres 6 coa actuación de Sabela. A cantante, quen no 2019 non dubidou en subir ao escenario do SonRías para actuar con La Pegatina, dará a coñecer o seu álbum debut, Despedida. A noite pecharase con La M.O.D.A., que regresan ao SonRías dous anos despois para presentar Ninguna ola, un álbum ateigado de vida e producido por Raül Refree co que se consolidan como unha das bandas de referencia no panorama musical estatal. 

O sábado 7 será o día grande do festival e terá o rap como protagonista. O mítico Kase.O subirá ao escenario do SonRías co seu Jazz Magnetism, disco do que se celebra este 2021 o seu 10º aniversario e cuxo espectáculo é un dos máis aclamados da historia da música do rap hispano. A noite completarase co Eterno Combate do grupo de rap galego SonDaRúa, que tamén se estrea no cartel do  SonRías Baixas.

O peche deste edición terá lugar o domingo 8 de agosto da man de dúas bandas que xa pasaron por Bueu en anteriores edicións do SonRías Baixas, con grande acollida entre o público, e que achegarán unha proposta divertida e festiva: Muerdo e La Pegatina, unha das bandas máis queridas polo público do festival. Con elas, que presentan os seus novos directos, a festa final no SonRías Baixas 2021 está garantida.

Venda de entradas

As entradas para gozar do SonRías Baixas 2021 sairán á venda o vindeiro luns 24, ás 10.00 horas, e os tickets unicamente poderanse adquirir a través da web oficial do festival, www.sonriasbaixas.info, e da plataforma dixital www.enterticket.es. O equipo do SonRías establecerá, nesta ocasión, tres tramos diferenciados de prezos en función da disposición dos asentos preasignados no recinto, e cada un destes tramos corresponderase, fisicamente, cun espazo organizado con cadanseu equipamento e protocolo de seguridade de prevención da covid-19. O prezo das entradas serán de 23€, 26€ e 29€ segundo a relación de proximidade co escenario.  

O equipo do SonRías vén de comunicar, mediante correo electrónico, ás persoas que dispoñen das entradas da 18ª edición -cuxo aprazamento por mor do contexto sociosanitario se anunciou en maio de 2020- que, en agradecemento pola súa confianza e compromiso co festival, terán prioridade na prevenda de tickets para o ciclo de concertos. Este prazo exclusivo para compradores activarase ás 18.00 horas do domingo 23 e finalizará ás 10.00 horas do luns 24. Ademais, como novidade, as persoas que dispoñan de entradas do festival de 2020 terán a posibilidade de transformar a súa entrada en saldo para poder adquirir entradas para os concertos do ciclo. Unha vez remate este período de prevenda exclusivo, as persoas que desexen transformar a súa entrada en crédito para mercar entradas para o verán de 2021 poderán facelo mentres a venda estea activa. 

De cara a facilitar este proceso ou solventar calquera dúbida, na páxina web www.sonriasbaixas.info, na sección de preguntas frecuentes, específicanse os pasos que se deben dar para acometer esta acción. Porén, as persoas que prefiran gardar as súas entradas do 18º SonRías Baixas para a vindeira edicición do festival, no verán de 2022, poderán facelo sen problema. Neste caso, non terán que realizar ningún tipo de xestión nin comunicación previa; mais no caso das persoas que desexen solicitar a devolución das entradas, deberán facelo nos prazos legais indicados na web do festival.

Unha vez remate este período de venda prioritaria para o público habitual do SonRías Baixas, a organización activará a venda de entradas restantes para a poboación. Así, a partir das 10.00 horas do luns 24, as persoas que desexen asistir a calquera das xornadas do ciclo SonRías Baixas 2021 poderán reservar os seus asentos na páxina web oficial do evento, www.sonriasbaixas.info

Este ano SonRías Baixas tamén activará a venda de entradas para menores de 12 anos acompañados dunha persoa adulta responsable. O equipo de SonRías habilitará asentos preasignados específicos para menores de entre 0 e 12 anos, inclusive, co obxectivo de favorecer tanto a asistencia ao ciclo de concertos en familia como para expandir a escoita de diferentes estilos musicais entre as máis pequenas e pequenos da casa. Para isto, á hora da venda de entradas, haberá a posibilidade de seleccionar este tipo de ticket, que terá un prezo de 10 euros máis gastos de xestión. Na web de www.sonriasbaixas.info habilitarase a descarga do documento de autorización, que se deberá presentar no momento da entrada ao recinto xunto á entrada. 

Logo de meses de esforzo e traballo, o ciclo de concertos SonRías Baixas 2021 é xa unha realidade. O equipo SonRías Baixas e a promotora cultural PlayPlan Cultural queren agradecer ao público a súa fidelidade e confianza, así como o apoio e patrocinio do Concello de Bueu, Turismo Rías Baixas e Deputación de Pontevedra, Fest Galicia, Xacobeo 21-22 da Xunta de Galicia e INAEM.