O perfil de Instagram do festival acollerá cada día ás 20h30, dende mañá xoves ata o vindeiro luns, un petisco das festas de presentación que tiña programadas estes días por toda Galicia, con actuacións breves de Ninhodelosrecaos Dj., Poetarras, SonDaRúa, Muyayo Rif e García MC.

O SonRías Baixas tiña previsto espallarse esta primavera por toda a xeografía galega, celebrando festas de presentación que achegasen ao público do resto do país “petiscos de música e filosofía SonRías”. A expansión do brote de COVID-19 pola península ibérica truncou estes plans, pero a organización do festival galego cre que, neste momento, é máis necesario que nunca buscar excusas para vernos e crear puntos de encontro entre artistas e público. E, por iso, argallaron unha serie de concertos domésticos breves, dunha media hora, que algúns dos artistas que ían participar nas festas ofrecerán dende as súas propias casas. Esta versión lixeira das festas de presentación celebrarase cada día, ás 20h30, no perfil de Instagram do festival (@sonriasbaixas), dende mañá xoves día 19 de marzo ata o luns 23.
O xoves 19, Ninhodelosrecaos DJ ofrecerá dende a súa casa de Barcelona unha sesión de World Eclectic Beat, unha mestura de estilos que abrangue dende o dancehall ao trap, pasando polo mombathon, a salsa, o tropical bass ou o ska.
O venres 20, Rubén Lino tocará coa súa guitarra cancións do colectivo músico humorístico Poetarras, dende a súa habitación en Cangas do Morrazo.
O sábado 21, Hugo e Alex de SonDaRúa ofrecerán dende a súa casa de Ponteareas unha sesión de ironía e musicalidade da tradición oral popular galega, combinada co hip hop máis reivindicativo, cheo de crítica social e contido político.
O domingo 22, os Muyayo Rif desafiarán as leis da física e enlatarán o seu espectacular directo cunha conexión a varias bandas dende cadanseu fogar.

E o luns 23, García Mc pechará a rolda de concertos, dende a súa casa en Ordes.