Carolina Durante e Sen Senra arrasan na segunda xornada de SonRías Baixas

Aug 02, 2025

Carolina Durante / Credit: Javier Bragado 

 

Tras a xornada inaugural de onte, o Festival SonRías Baixas finaliza hoxe a súa segunda xornada e chega ao ecuador da súa 22ª edición, prolongándose ata o próximo domingo 3 de agosto.

Sen Senra foi un dos grandes reclamos da xornada de hoxe, sempre esperado e tremendamente apoiado e querido en cada unha das actuacións que ofrece na súa terra natal. Nun repertorio co que presenta "PO2054AZ", obra dividida en tres partes, o artista de Forcarey é un mestre en contaxiar as vibras do seu show intimista, desprendendo ao mesmo tempo unha esencia tremendamente vangardista e internacional.  Desde o comezo do set, saudando cun "Buenas tardes, vecinos", Christian fixo toda unha declaración de intencións da experiencia que iamos presenciar, comezando con "No quiero ser un cantante" (quiero ser algo mejor)". Un pracer recibilo nas Lagoas. 

"Cuatro chavales" ou, o que é o eismo, Carolina Durante, visitaron por primeira vez Bueu para presentar o seu novo disco, "Elige tu propia aventura", xa consolidados como unha das bandas de guitarras referentes da súa xeración. Desde o escenario Fest Galicia ofreceron un bo feixe de sing alongs, cun público totalmente entregado ante cada xesto de Diego Ibáñez e palpándose no ambiente o sentido de pertenza cunha banda que, xa sexa con temas máis recentes ("Hamburguesas", "Joderse la vida", "Normal") ou recuperando algúns dos seus primeiros hits ("La noche de los muertos vivientes", Niña de hielo", "Cayetano"), xa conta cun repertorio de auténticos himnos para toda unha xeración.

Outra formación que pode presumir de ter temas con ganchos irresistibles son Cariño. O agora reconvertido en cuarteto foi o encargado de abrir o escenario Fest Galicia presentando "Tanto por hacer", o seu terceiro álbum de estudio en seis anos e no que continúan a senda marcada nos seus predecesores, mesturando esa linguaxe ateigada de sentido do humor e crítica made in Gen-Z. 

Todas as miradas estaban postas en shego, sen dúbida unha das formacións nacionais que máis interese está a espertar dos últimos meses. “No lo volveré a hacer”, é o segundo disco que publicaron este 2025 e que Raquel, Maite e Charlotte presentaron esta noite entregándonos xusto o que esperábamos delas: un set cheo de enerxía, actitude, descaro e letras directas e mordaces. Tremendas.

Recibir a Grande Amore é sempre unha ledicia e sinónimo de que se vai armar unha boa troula. O proxecto de Nuno Pico voltou recalar no festival tras as súas dúas aparicións na tradicional Sesión Vermú os anos anteriores e unha vez máis, e xunto a Clara Redondo á guitarra e mariagrep a cargo dos sintetizadores, non deixou indiferente a ninguén. A súa actitude nihilista e punk, unida á interacción e barullo constante do público, stage dive en "Esta pena" incluído, estamos seguros de que o trío saíu do recinto cun bo feixe de novos fans que xa no os perderán de vista. 

Esta segunda xornada, a cal contou con máis representación de artistas galegos, completouna Luis Fercán, que nos contaxiou toda a emoción dos temas incluídos no seu cuarto disco, “Postales perdidas”, acompañado dunha banda que vai da man coa súa voz rasgada e co que os asistentes conectaron desde temprana hora. 

Directos dende Baeza e estreando formación (aos irmáns Juan Carlos - batería de Supersubmarina - e Antonio Gómez Parrilla únense Jay - guitarra de Supersubmarina - Edu á guitarra e Juanan ao baixo), Melifluo desgranou os temas do seu álbum estreado en primavera, "Voces externas", nun contundente directo, seña duns músicos que saben o que fan e que teñen moitos kilómetros e taboas ás súas costas. 

Xustamente Juan Carlos foi o encargado de pechar o día na súa faceta de dj, rebautizado como Juancasupersub DJ Set, e pinchando unha selección dos mellores temas de indie pop nacional e internacional. 

SonRías Baixas é un festival promovido pola productora PlayPlan, responsables tamén do BIGSOUND Pontevedra. Conta coa colaboración institucional do Concello de Bueu e co patrocinio da Deputación de Pontevedra e Turismo Rías Baixas, a través da marca Rías Baixas Fest, así como da Xunta de Galicia, mediante Xacobeo e a marca Fest Galicia. O evento conta, ademáis co patrocinio de El Águila e Johnnie Walker, e Los40 como emisora oficial.