Hoxe comeza a vixésimo primeira edición do SonRías Baixas

Aug 01, 2024

 

Esta edición do SonRías Baixas está formada por 25 artistas, e chega encabezada por nomes como os xa citados La Oreja de Van Gogh, Tanxugueiras, Rozalén, Ginebras, Álvaro de Luna ou Rayden, nunha aposta da organización, a promotora PlayPlan, para tratar de cambiar a tendencia marcada pola propia industria musical, e apostando por un forte protagonismo das bandas lideradas e formadas por mulleres como nomes principais do cartel.

Tamén se mantén unha forte representación da escena musical galega, con nomes como Fillas de Cassandra, Mondra, Sabela ou The Rapants, encabezada pola punta de lanza deste auxe que está a vivir o panorama galego, como son Tanxugueiras.

A todos estes nomes súmanselles as interesantes propostas de Chef’Special, La La Love You, Anabel Lee, Cool Nenas, Emlan, Gilipojazz, Inés Hernand, La Élite, Morochos, Mr. Kilombo, Muerdo, Sexy Zebras e Travis Birds, mantendo así a tendencia do festival de ser un altofalante para coñecer novas propostas musicais.

Para a segunda xornada, a do venres 2 de agosto, teremos o pracer de recibir por primeira vez na vila a Rozalén, que presentará sobre o escenario do SonRías temas dos seus cinco discos de estudo e tamén de “El abrazo”, o seu novo e esperado traballo que verá a luz a finais do mes que vén, nunha proposta que rende sempre homenaxe ao folclore e á música tradicional. Desde Holanda aterrarán Chef’Special coa súa mestura de rock, hip-hop e reggae para facer do seu concerto unha festa, e Travis Birds debullará o seu último álbum “Perro Deseo”, onde nos presenta o seu único universo a través de todas as pulsións, sentimentos, aspiracións e ilusións que conforman a súa identidade e imaxinario. A representación galega do día correrá a cargo de Fillas de Cassandra e o seu hipnótico show “Últimas Dionisíacas”, e os ritmos latinos e de raíz unidos ao urbano actual serán responsabilidade de Muerdo, que fará repaso por un repertorio que inclúe temas clásicos como “Semillas”, “Lejos de la ciudad”, “Vas a encontrarte” ou “Llegué hasta ti”. Pola súa banda, La Élite prometen unha boa dose de irreverencia e o descaro unidas a letras acedas e divertidas, Gilipojazz deleitarannos co seu mix de estilos como o funk, o rock progresivo, o metal e a música clásica, e un ano máis contaremos con Cool Nenas e o seu particular rave coreografiada que revolucionou o concepto de dj set.

E para finalizar, na última xornada contaremos cun dos buques insignia da música galega: Tanxugueiras volven ao festival nun momento doce tras o seu paso fai dúas edicións e avaladas polo seu recente sold out histórico no Coliseum da Coruña, onde reuniron a máis de 9.000 persoas para poñer o broche de ouro á súa extensa e exitosa Xira Midas. Tamén teremos o privilexio de ser testemuñas da última actuación de Rayden en Galicia. No show do madrileño non faltarán os seus grandes clásicos e tamén presentará “La Victoria Imposible”, o seu sétimo álbum en solitario, todo iso acompañado dun directo cunha banda explosiva que sorprende alá por onde pisa, e Ginebras demostrarán por que son unha de las bandas con mais proxección dos últimos anos grazas aos seus temas indie pop con selo propio e as súas letras autobiográficas contadas con moito humor. Emlan traerá a Bueu o seu pop rock de letras con fondo optimista e esperanzador, e o bo rolo continuará grazas a Mr. Kilombo e a súa posta en escena interactiva apoiada por pegadizos temas de letras coidadas con mimo e sutileza, incluíndo os singles do seu novo disco, “Todo este caos”, estreado hai apenas dous meses. Para pechar este último día de festival, Mondra achegará o folk festivo e revolucionario do seu performance “Folía das ardentes", The Rapants presentarán o seu terceiro álbum, “La Máquina Del Buen Rollo”, con gran presenza de melodías de herdanza disco, rock e mesmo hip hop, e Inés Hernand ofrecerá un dj set cunha selección de temas que combinarán o bo rollo e a enerxía á que sempre nos ten afeitos nas súas aparicións.

SonRías Baixas é un festival promovido pola promotora PlayPlan Cultural. Conta coa colaboración institucional do Concello de Bueu; e o patrocinio da Deputación de Pontevedra e Turismo Rías Baixas a través da marca Rías Baixas Fest, e da Xunta de Galicia a través de Xacobeo e a marca Fest Galicia. O evento tamén conta co patrocinio de El Águila e Johnnie Walker.