A Deputación presenta os Rías Baixas Fest, as sete citas imprescindibles deste verán en Pontevedra provincia

Jun 20, 2023

Os sete festivais celébranse entre o 30 de xuño e o 10 de setembro e serán o escaparate dos valores culturais, paisaxísticos, turísticos e gastronómicos da provincia de Pontevedra

O Pazo provincial da Deputación acolleu un ano máis a presentación dos Rías Baixas Fest, a marca que aglutina as sete grandes citas da provincia, que acumulan centos de miles de participantes e onde se reúnen os grandes nomes do panorama estatal e internacional da música, o deporte ou a gastronomía: Vive Nigrán, PortAmérica, Atlantic Fest, SinSal, SonRías Baixas, O Marisquiño e Revenidas. A deputada de Turismo en funcións, Ana Laura Iglesias, e representantes tanto das promotoras dos festivais como dos concellos onde se celebran estes eventos (Nigrán, Caldas, Portas, Vilagarcía de Arousa, Redondela, Bueu e Vigo), aos que se sumou a presidenta da Deputación en funcións, Carmela Silva, deron as claves da edición deste ano, que se espallará entre o 30 de xuño e o 10 de setembro. A presentación contou coa actuación da cantante Zeltia, que abriu e pechou o acto coas cancións “Voltarei” e “Agardando amencer”.

Ana Laura Iglesias lembrou que Rías Baixas Fest é “unha marca que aglutina os sete festivais máis importantes da provincia, coa que nos posicionamos no panorama estatal como un territorio onde se dan as citas imprescindibles da música, a gastronomía, o deporte urbano, a sostibilidade e a igualdade”. A deputada en funcións sinalou que a marca é “un éxito de todas e todos, administracións e sector, consolidada e coñecida a nivel internacional”, ademais de seren “unha referencia en festivais sostibles”. Recordou que esta foi “unha idea do sector que recollemos e grazas á cal conseguimos cousas moi relevantes” co obxectivo de “promover os valores culturais, paisaxísticos, turísticos e gastronómicos da nosa provincia” e “converternos nun referente, algo que non sería posible sen tanto esforzo, dedicación, sacrificio e sobre todo paixón por parte dos festivais, que loitades ano tras ano para traer os mellores talentos do panorama internacional e por encher a provincia de felicidade”. En definitiva, asegurou Iglesias, “os Rías Baixas Fest son o orgullo da provincia e para a Deputación é un pracer poder formar parte deles”.