Judeline e Delaporte conquistan ao público do SonRías Baixas na súa terceira xornada

Aug 03, 2025

Delaporte / Credit: Javier Bragado 

 

Hoxe sábado 2 de agosto tivo lugar en Bueu a terceira xornada do festival SonRías Baixas, que celebra este ano a súa 22ª edición e que este ano conta cun día máis, prolongándose ata mañá domingo. 

O día de hoxe  foi o máis extenso, comezando a programación coa Sesión Vermut ao mediodía, protagonizada por Sabela e The Rapants. A artista de Ourol foi a encargada de que comezara a soar a música en As Lagoas e, malia a temprana hora, facturou un show enérxico de pop electrónico e no que repasou os seus últimos singles e o seu disco "Ceniza". The Rapants, pola súa parte, voltou ao escenario que xa reventaron   o ano pasado nun dos concertos co público máis entregado da xornada, valéndose de pistolas de auga para refrescar ao persoal, con decenas de persoas voando no seu tema "O Avión" e rematando o seu repertorio ao berro xeralizado de "¡Escenario Principal!". 

O Escenario Fest Galicia comezou a soar nesta terceira da man de Alizzz. Amante das guitarras noventeras e tamén innovador na súa faceta como produtor, soubo trasladar esas inquietudes ao seu proxecto como solista, que xa conta con dous álbumes, “Conducción temeraria” e “Tiene que haber algo más”. Un xenio á hora de crear temas con gancho como "Qué pasa nen" - reivindicación das súas orixes do Baix Llobregat e todo o imaxinario desa zona de Cataluña -, "Salir" ou “Despertar”, nos que relata de maneira cotiá grandes emocións e coas que máis dun dos presentes sentiuse sen dúbida identificado.

Precisamente por Alizzz e nesa liña de innovación foi descuberta Judeline, e a de Caños de Meca trouxo a Bueu un show que demostrou con creces por que é unha das artistas nacionais con máis proxección internacional. Presentando os temas do seu primeiro álbum, “Bodhiria”, e incluíndo no repertorio algúns dos seus hits anteriores, coma "Canijo", "2+1" ou "Zahara", Lara aparece nun bambán e durante todo o set está flanqueada por un hipnótico bailarín e tres bailarinas que continuamente interactúan con ela de maneira que resulta imposible sacar a mirada da performance que ofrece sobre o escenario. 

Delaporte anunciaron fai uns días que tras estas datas estivais tomaránse un descanso, así que a súa primeira visita ao festival foi aínda máis emocionante do que  xa previamos. O pasado xaneiro publicaron "Déjate caer", o seu sexto álbum e no que seguen a máxima de que "El techno cura” e co que se acercaron a sonoridades máis pop, sen perder esa capacidade de levantar a todo o público nunha sorte de trance colectivo e electrónico que xenera un clima no que podes bailar... sentíndote na casa. ¡Votarémosvos de menos neste parón! 

Dende a outra punta da Península recibimos aos irmáns Alejandro e Víctor Hernández, Maestro Espada. Plasmando sobre as tablas as súas inquietudes por explorar novos sons sen esquecerse de votar a vista atrás, repasaron o seu álbum debut e homónimo a ritmo de castañeta, distorsión e sintes por duplicado, nun exercicio preciosista e cun ollo posto no folklore da súa Murcia natal. 

O Escenario El Águila tamén foi testigo das actuacións dos galegos Capital Voskov que, como xa di o seu tema, foron os encargados de "Abrir el juego" a través do seu elegante indie, e GRISO, con Eric e a súa banda presentando os temas de "Lunático". Sobrezero foi a última banda do día, traendo dende Madrid un bo puñado de cancións e enerxía para demostrar e repartir. 

Para pechar, Kike Varela DJ demostrou a súa mestría trala mesa de mesturas nunha potente sesión de electrónica mesturada con hits de onte e de hoxe e que mantivo a intensidade ben arriba para todos aqueles que seguían con gañas de continuar a festa... e de bailar ata o infinito. 

SonRías Baixas é un festival promovido pola productora PlayPlan, responsables tamén do BIGSOUND Pontevedra. Conta coa colaboración institucional do Concello de Bueu e co patrocinio da Deputación de Pontevedra e Turismo Rías Baixas, a través da marca Rías Baixas Fest, así como da Xunta de Galicia, mediante Xacobeo e a marca Fest Galicia. O evento conta, ademáis co patrocinio de El Águila e Johnnie Walker, e Los40 como emisora oficial.