La Oreja de Van Gogh namoran a Bueu na xornada inaugural do SonRías Baixas

Aug 02, 2024

 

A primeira xornada do SonRías Baixas 2024 comezou onte na súa vixésimo primeira edición ao grande. Nunha xornada de xoves que foi a máis multitudinaria da historia do festival, La Oreja de Van Gogh fixeron gozar a todos os asistentes repasando durante máis dunha hora de concerto toda a súa traxectoria e deixándonos momentos que quedarán para sempre entre os máis memorables do festival como "Rosas", "Pop" ou o peche ao grande con "20 de enero".

Polo escenario Fest Galicia/Xunta de Galicia/Xacobeo tamén pasou Álvaro de Luna e a súa banda presentando o seu álbum “UNO”, estreando show para esta nova etapa sen esquecerse dos seus clásicos, e o cuarteto "La La Love You" demostraron por que son unha das bandas novas que máis medraron nos últimos meses.

Pola súa parte, no Escenario El Águila Morochos foron os encargados de inaugurar a xornada asolagando o recinto de boas vibras desde primeira hora, e a continuación Sabela despachou un set cargado de momentos emotivos e electrónicos a partes iguais, con temas pertencentes ao seu álbum Ceniza. Tras ela, Sexy Zebras puxeron patas para arriba ao persoal co seu electrizante e descarado set, e o cuarteto catalán Anabel Lee foron os encargados de pechar a xornada cos seus pegadizos temas pop-punk e con varias incursións do seu cantante entre o público incluídas.

 

 

O segundo día do festival recibirá pola porta grande a Rozalén, na súa primeira visita a Bueu e que presentará sobre o escenario do SonRías temas dos seus cinco discos de estudo, así como unha mostra das novas cancións do seu novo álbum, “El abrazo”. Desde Holanda aterrarán Chef’Special coa súa mestura de rock, hip-hop e reggae para facer do seu concerto unha festa, e Travis Birds debullará o seu último álbum “Perro Deseo”, onde nos presenta o seu único universo a través de todas as pulsións, sentimentos, aspiracións e ilusións que conforman a súa identidade e imaxinario. A representación galega do día correrá a cargo de Fillas de Cassandra e o seu hipnótico show “Últimas Dionisíacas”, e os ritmos latinos e de raíz unidos ao urbano actual serán responsabilidade de Muerdo, que fará repaso por un repertorio que inclúe temas clásicos como “Semillas”, “Lejos de la ciudad”, “Vas a encontrarte” ou “Llegué hasta ti”. Pola súa banda, La Élite prometen unha boa dose de irreverencia e o descaro unidas a letras acedas e divertidas, Gilipojazz deleitarannos coa súa mix de estilos como o funk, o rock progresivo, o metal e a música clásica, e un ano máis contaremos con Cool Nenas e o seu particular rave coreografiada que revolucionou o concepto de dj set.

Mañá, a xornada final continuará na ecléctica liña musical que é xa selo do festival, e estará encabezada por Tanxugueiras e Rayden, que ofrecerá o seu último concerto en Galicia antes de retirarse da música. A eles sumaranse Marlena e Grande Amore na xa tradicional Sesión Vermú, e Ginebras, Emlan, Mr. Kilombo, Mondra, The Rapants  e Inés Hernand no que sen dúbida será un peche de luxo para esta vixésimo primeira edición.

SonRías Baixas é un festival promovido pola promotora PlayPlan Cultural. Conta coa colaboración institucional do Concello de Bueu; e o patrocinio da Deputación de Pontevedra e Turismo Rías Baixas a través da marca Rías Baixas Fest, e da Xunta de Galicia a través de Xacobeo e a marca Fest Galicia. O evento tamén conta co patrocinio de El Águila e Johnnie Walker.