Dec 11, 2025
PREVENDA DE ENTRADAS DISPOÑIBLE A PARTIR DO SÁBADO 13 DE DECEMBRO DURANTE 48 HORAS
O FESTIVAL RECIBE 13 NOMINACIÓNS NOS IBERIAN FESTIVAL AWARDS 2026
. SonRías Baixas prepárase para a súa próxima edición, que en 2026 se volverá celebrar durante tres xornadas, do xoves 30 de xullo ao sábado 1 de agosto, no recinto de As Lagoas en Bueu. Tras un 2025 memorable, no que o festival superou todos os seus récords de asistencia e consolidou o seu crecemento, a cita galega confírmase como un dos eventos musicais máis destacados do verán. O 15 de decembro darase a coñecer o primeiro avance do cartel, que manterá a filosofía do festival: unha programación diversa e inclusiva, deseñada para ofrecer unha experiencia única nunha contorna excepcional. A prevenda de entradas estará dispoñible durante 48 horas a partir do sábado 13 de decembro, mentres que a venda xeral comezará o mércores 17 de decembro. As entradas poderanse adquirir en sonriasbaixas.info e en Enterticket.es.
Impulsado polo éxito da súa edición de 2025, marcada polos concertos de La Raíz, Dani Fernández, Carolina Durante, Judeline, Delaporte e Sen Senra, o festival logrou reunir a máis de 33.000 asistentes. Esta resposta do público reforza a identidade de SonRías Baixas como un espazo de encontro aberto onde conviven propostas musicais de distintos xéneros, traxectorias e sensibilidades, e onde gozar da música sen barreiras nin prexuízos.
O impacto do festival transcende o cultural. A súa 22ª edición xerou un retorno económico de 3,1 millóns de euros e preto de 1.000 empregos directos en Bueu e a súa contorna, consolidando a SonRías Baixas como un motor social, económico e turístico clave para a comarca.
O recoñecemento ao traballo do equipo tamén chega dende fóra. SonRías Baixas está nomeado en 13 categorías nos Iberian Festival Awards 2026, entre elas Best Medium-Sized Festival, Best Touristic Promotion, Best Communication & Marketing Strategy, Best Hosting and Reception, Contribution to Sustainability, Contribution to Equality, Best Live Performance (PT/ES) por La Raíz, Best Live Electronic Act por NDLR, Best Festival Photo (Javier Bragado), Best Video Coverage (Trece Amarillo), Best Venue (Recinto Multiusos da Estacada – Bueu), Best Service Provider (Idasfest) e Best Brand Activation (El Águila).
A gala celebrarase o 14 de marzo de 2026 no Coliseu Micaelense de Ponta Delgada (Azores). Na súa décima edición, os Iberian Festival Awards recoñecerán os logros máis destacados de 2025 en 25 categorías, ademais de outorgar dous Premios á Excelencia, promovendo a cooperación entre Portugal e España e poñendo en valor o papel dos festivais na escena cultural ibérica.
SonRías Baixas é un festival promovido pola produtora PlayPlan, responsables tamén do BIGSOUND Pontevedra, Festival do Pasatempo e Fumega Fest. Conta coa colaboración institucional do Concello de Bueu e co patrocinio da Deputación de Pontevedra e Turismo Rías Baixas, a través da marca Rías Baixas Fest, así como da Xunta de Galicia. O evento conta, ademais, co patrocinio de El Águila.
Información de venda de entradas
As entradas estarán dispoñibles en sonriasbaixas.info e en Enterticket.es.