SonRías Baixas avanza o seu cartel

Dec 15, 2025

LA M.O.D.A., LA PEGATINA E HOONINE SON OS PRIMEIROS ARTISTAS CONFIRMADOS
 VENDA XERAL DE ENTRADAS DISPOÑIBLE A PARTIR DO MÉRCORES 17 DE DECEMBRO ÁS 12:00

 

SonRías Baixas anuncia hoxe un primeiro adianto do cartel da súa próxima edición, que se celebrará do xoves 30 de xullo ao sábado 1 de agosto no recinto das Lagoas, en Bueu. LA M.O.D.A., LA PEGATINA e HOONINE encabezan as primeiras confirmacións, un avance que reflicte a vocación do festival: combinar aos grandes favoritos do público cunha firme aposta polo talento emerxente. Unha selección inicial que volve situar ao festival como un espazo aberto, sen barreiras nin prexuízos, no que conviven diferentes estilos, xeracións e formas de gozar a música.

Tras un 2025 memorable, no que SonRías Baixas superou todos os seus récords de asistencia e consolidou o seu crecemento, o festival reafírmase como unha das grandes citas musicais do verán galego e do noroeste peninsular. A nova edición continuará reforzando esta traxectoria ascendente, apostando por unha liña artística que combina risco, nomes consolidados e o talento emerxente que está a marcar a escena actual. O resto do cartel desvelarase proximamente, ampliando esta primeira mostra e conformando unha proposta pensada para gozar nunha contorna natural excepcional. Tanto a venda xeral de entradas como a venda do acceso á zona de acampada para as tres xornadas do festival comezará o mércores 17 de decembro ás 12:00 a través de sonriasbaixas.info  e en Enterticket.es.

O septeto burgalés LA M.O.D.A. regresa a SonRías Baixas como un dos grandes referentes da música alternativa en España. Co seu inconfundible acordeón, clarinete e mandolina, a banda forxou unha sólida traxectoria baseada na autoedición eunha intensa actividade sobre os escenarios, con preto de 600 concertos en España e o estranxeiro. Cun novo disco recén publicado e un directo que digura entre os máis desexados do próximo ano, a súa actuación promete ser un dos fitos da próxima edición do festival.

Despois do seu parón, regresa a SonRías Baixas unha das bandas máis queridas polo público do festival: os veteranos e sempre aplaudidos LA PEGATINA, mestres da fusión de ska, rumba e música festiva. Tras máis de vinte anos de carreira, converteron os seus concertos en auténticas celebracións colectivas, onde a diversión, a conexión co público e os ritmos pegadizos son os protagonistas, consolidando a súa reputación como un dos directos máis divertidos da escena nacional.

Pola súa banda, HOONINE, o alter ego de Carmen Alarcón, debuta en SonRías Baixas presentando o seu EP Una Foto Al Sol. En apenas tres anos, pasou de lanzar o seu primeiro álbum Roca Roja a posicionarse como unha das artistas máis innovadoras da actualidade. Compositora, produtora e DJ multiinstrumentista, combina estilos como dance, house, UK Garage e synthpop, ofrecendo unha proposta fresca e singular dentro da música alternativa española.

O impacto do festival transcende o cultural: a súa edición de 2025 xerou 3,1 millóns de euros e preto de 1.000 empregos directos en Bueu, consolidándose como un motor económico e turístico clave. Ademais, recibiu o recoñecemento internacional, con 13 nomeamentos nos Iberian Festival Awards 2026, incluíndo Best Medium-Sized Festival, Best Touristic Promotion e premios por actuacións, comunicación e sustentabilidade. A gala celebrarase o 14 de marzo no Coliseu Micaelense de Ponta Delgada, poñendo en valor a cooperación cultural entre España e Portugal.

SonRías Baixas é un festival promovido pola produtora PlayPlan, responsables tamén do BIGSOUND Pontevedra, Festival do Pasatempo e Fumega Fest. Conta coa colaboración institucional do Concello de Bueu e co patrocinio da Deputación de Pontevedra e Turismo Rías Baixas, a través da marca Rías Baixas Fest, así como da Xunta de Galicia. O evento conta, ademais, co patrocinio de El Águila.

 

Información de venda de entradas

Venda xeral: a partir do mércores 17 de decembro ás 12:00 h.

As entradas estarán dispoñibles en sonriasbaixas.info e en Enterticket.es.