SonRías Baixas, finalista nos Iberian Festival Awards

Jan 30, 2025

 

A organización dos Iberian Festival Awards deu a coñecer durante a xornada de onte a súa lista de finalistas para os seus galardóns de 2025, entre os que se atopa SonRías Baixas.

Concretamente, o festival de Bueu opta a alzarse co premio a Mellor Festival de Mediano Formato. De resultar gañador, sería o cuarto IFA na súa conta particular, tras vencer en pasadas edicións nas categorías Best Touristic Promotion, Best Communication & Marketing Strategy e conseguir tamén o Excelence Award para Jordi Lauren, director do festival, fai tres edicións.

Os gañadores daranse a coñecer o próximo 15 de marzo nunha gala especial que terá lugar no Pavilhão Multiusos 25 de abril de Almancil (Loulé), no Algarve portugués.

O festival SonRías Baixas desvelou o pasado mes de decembro a súa proposta musical completa para 2025, anunciando tamén que na súa edición número 22ª estenderá a súa celebración a catro xornadas completas, desde o 31 de xullo aos días 1, 2 e 3 de agosto.

Xa está dispoñible tamén a distribución dos artistas por xornadas, ademais dos abonos de tres e catro días e as entradas de día a través da páxina web do festival, sonriasbaixas.info, e Enterticket, con posibilidade de adquirir a acampada para calquera dos días e precargar de maneira anticipada a pulseira.

Un ano máis, SonRías ofrece un cartel conformado por case unha trintena de nomes e que inclúe unha proposta musical fresca e actual, que non se axusta nun único estilo concreto e nunha clara aposta por conseguir unha programación variada, primando a calidade e que pretende ser reflexo da enorme heteroxeneidade que prima na música hoxe en día.

SonRías Baixas é un festival promovido pola promotora PlayPlan, encargados tamén do recentemente presentado BIGSOUND Pontevedra. Conta coa colaboración institucional do Concello de Bueu; e o patrocinio da Deputación de Pontevedra e Turismo Rías Baixas a través da marca Rías Baixas Fest, e da Xunta de Galicia. O evento tamén conta co patrocinio de El Águila.