Os Rías Baixas Fest reforzan a súa aposta para seguir a promover "a riqueza" da provincia baixo os parámetros da sostibilidade e a igualdade

Jun 29, 2021

Carmela Silva: "Agradezo aos promotores e promotoras todo o grande esforzo que fixestes para reinventarvos e darnos alegría, porque o que non se podía consentir era que se perdera esta riqueza"

Adaptados á nova normalidade, pero sen perder a súa esencia de promover os valores paisaxísticos, gastronómicos e culturais do destino Pontevedra provincia e reforzando o seu compromiso coa igualdade e a sostibilidade, volven os Rías Baixas Fest, os sete eventos musicais máis destacados do panorama galego unidos baixo a marca provincial da Deputación de Pontevedra. A presidenta Carmela Silva presentou a nova edición arroupada polos seus promotores e as súas promotoras, así como por representantes dos concellos onde se celebran, nun acto baixo o magnolio dos xardíns do Pazo Provincial, onde brillou a música en directo a cargo da intérprete de Leticia Rey, acompañada á guitarra por Iago Fernández.

"Grazas pola vosa valentía, por darnos alegría, por ser capaces de sufrir sen rendervos e por manter vivos estes festivais tan pegados ao territorio que nos fan tan especiais, diferentes e únicos/as –destacou Carmela Silva-. Fostes capaces de reinventarvos, ás veces poñendo en perigo ás vosas empresas, a vosa vida, e a xente ten que sabelo. Porque o que non se podía consentir era que se perdera esta riqueza, porque é unha riqueza desta provincia, e o fixestes co voso esforzo, co voso traballo, ánimo e optimismo cando era difícil ser optimista. Creo que iso dá tamén esa imaxe e ese relato de que estes festivais son fortes e capaces de manterse nas dificultades". A presidenta subliñou que tras un 2020 "horrible", este 2021 "será mellor, aínda que un pouco complexo, pero comezamos a ver luz e vai poder haber música en vivo, que vós precisades e a sociedade necesita moito".  No acto proxectouse o vídeo da cantante Woyza que forma parte da campaña turística deste 2021 da Deputación, "É o teu momento".

Carmela Silva enxalzou a traxectoria da marca Rías Baixas Fest, nacida dunha proposta do sector da industria musical da provincia, "que desde hai cinco anos nos deu forza e nos permitiu construír un relato común" en torno ao territorio, á cultura, a gastronomía, á economía circular e de proximidade, e cunha "fonda aposta pola sostibilidade e a igualdade". Subliñou a necesidade de aproveitar os recursos que chegarán dos fondos europeos para seguir a converter estes festivais "nunha referencia". "Os Fest Galicia naceron despois de que se consolidara esta idea –sinalou-.  E paréceme interesante que as ideas que nacen nun lugar poidan adquirir máis corpo e converterse nalgo máis global".

O calendario dos festivais abranguerá desde xullo a setembro e arrancará co Atlantic Fest de Vilagarcía, que se celebrará do 12 ao 24 de xullo, para continuar logo co Vive Nigrán, que terá lugar do 15 ao 17 de xullo, o Festival Sinsal de Redondela (23 ao 25 de xullo), o SonRías Baixas de Bueu (3 ao 8 de agosto), o Marisquiño de Vigo (6 ao 8 de agosto) e o Festival Revenidas de Vilaxoán (9 ao 12 de setembro). Está pendente de data o Festival Portamérica de Caldas de Reis. A presidenta provincial subliñou tamén "a creatividade" amosada polos e polas produtoras dos festivais, "porque a sorpresa é marabillosa nestes festivais".

Tanto Raquel Seijo, representante do Vive Nigrán, como Carlos Rodríguez, de PortAmérica, lembraron que este 2021 vai seguir sendo un ano difícil, "non o que nos gustaría que fose". Pero, como engadiu Seijo, "é outra vez un reto para adaptarnos e enfocar novas vías de traballo, non só a parte musical". "No Vive Nigrán –dixo-, temos diferentes facetas, como Vive Sostible o Vive Patrimonio, que cremos que completarán a oferta. E todos e todas estamos a facer un esforzo extra outro ano máis para adaptarnos á situación e aportar un valor engadido aos nosos festivais, que sen dúbida o teñen. Queremos xerar unha imaxe que poña en valor a contorna na que se desenvolven, que é fundamental, todo o que temos nas Rías Baixas de patrimonio, cultura, natureza e que nos diferencia". A promotora, presidenta da Asociación de Festivais de Galicia, tamén aproveitou para sinalar que desde este colectivo se está tamén a facer un esforzo en sostibilidade e igualdade, "e en chegar a acordos e unificar criterios para levar aos nosos festivais a un grao superior, máis involucrado e profesional; porque cremos que é fundamental como escaparate que somos".

Carlos Rodríguez, adiantou que a organización do PortAmérica está a traballar "para facer un festival parecido" ás anteriores edicións, "o máis placentero para o público", tendo en conta a complicada situación para desenvolver este evento, que "normalmente vive a experiencia de xuntar gastronomía e música". "Si estamos a traballar –apuntou- para que a de 2022 sexa unha edición máis parecida ao normal e ao que o público se merece".