PRAIAS

 

O Morrazo ten máis de 60 quilómetros de costa e preto de 100 praias, de características únicas e nunhas contornas paisaxísticas de soño. A gran calidade das súas augas, a protección medioambiental dos arredores e a proximidade a recursos turísticos de gran valor patrimonial fan que sexan as favoritas dos que visitan as rías Baixas. 

As súas augas turquesas e cristalinas están cheas de vida. Praias salvaxes, semiurbanas, de mar aberto ou resgardadas polas rías. Neste recuncho de Galicia hai areais para todos os gustos. 

PRAIAS SALVAXES: O DESCANSO MÁIS NATURAL

Ao amparo dos espazos protexidos de Cabo Udra, a Costa da Vela e o Parque Nacional das Illas Atlánticas, atópanse un gran número de praias e calas de carácter salvaxe nos que reconectar coa natureza e redescubrir o son do mar. 

Entre as favoritas dos bañistas está a praia de Barra, unha icona das praias naturistas de Galicia, situada lonxe dos grandes núcleos de poboación e protexida por un sistema dunar e un gran piñeiral. 

A punta Mexilloeira, separa esta magnífica praia das de Viñó e a de Nerga, ambas as de area fina e nun ambiente natural, ideais para tomar o sol e pasear. As tres forman parte do Complexo Dunar Nerga-Barra, aínda que a de Nerga ademais exerce o galardón de Bandeira Azul, o que a dota de maiores servizos ao longo do ano. 

PRAIAS DE BANDEIRA AZUL: GARANTÍA DE CALIDADE

O recoñecemento da Fundación Europea de Educación Ambiental a través da Bandeira Azul, vai no Morrazo un paso máis aló: a rexión conta non só con 12 praias de bandeira azul, senón con tres carreiros azuis (Tirán, Cabo Udra e Donón) e un centro interpretativo (Cabo Udra) con este galardón. Forma parte do compromiso ambiental da rexión coa conservación da contorna, a seguridade e os servizos, completando así a protección outorgada pola Rede Natura 2000 e o amparo do Parque Nacional das Illas Atlánticas. 

No caso das praias, esta bandeira garante a calidade das augas para o baño, a información e educación ambiental para os usuarios das mesmas, unha adecuada xestión ambiental e instalacións, servizos e seguridade na tempada alta de baño. 

PRAIAS URBANAS E SEMIURBANAS

Para aqueles viaxeiros que buscan un acceso máis sinxelo no que gozar do sol e do mar en canto exploran O Morrazo, as praias de Roideira, en Cangas, e a Xunqueira, en Moaña, ofrecen unha contorna moi coidada á beira de todos os servizos e cunhas vistas envexables da ría de Vigo.  

Tamén en Moaña, a pequena praia do Con, alén de ser bandeira azul, atópase resgardada polo peirao e ofrece outra perspectiva interesante sobre Vigo e a súa ría. 

FONTE: turismodomorrazo.gal